Ir o contido principal

A Aula TIC-Pemes da USC puxo en marcha 40 iniciativas e suma 170.000 visitas de 120.000 usuarios na súa web desde 2006

López Cabarcos, nunha xornada de difusión organizada pola Aula TIC-Pemes da USC
López Cabarcos, nunha xornada de difusión organizada pola Aula TIC-Pemes da USC

A Aula TIC-Pemes da USC puxo en marcha un total de 40 iniciativas de diversa índole no eido das tecnoloxías da información e da comunicación (TIC) nos seus primeiros 8 anos de vida, un período no que experimentou un crecemento sostible ata rexistrar na actualidade un total de 170.000 visitas de 120.000 usuarios diferentes, a maioría de España, pero tamén do estranxeiro.

A Aula TIC-Pemes da USC, xurdida ao abeiro do Plan Estratéxico das TICs-2003-2006 nun contexto caracterizado pola fenda dixital galega no uso das TIC, naceu co propósito de dar resposta a esta eiva advertida nos eido social e tamén no do tecido empresarial a través do desenvolvemento de diversas actividades de formación e de actividades de colaboración no eido das TIC. O amplo abano de accións realizadas pola Aula TIC-Pemes da USC nestes oito anos e dirixidas a públicos obxectivos diversos, tales como pemes, asociacións empresariais, desempregados/as, colectivos en risco de exclusión social e á sociedade en xeral, poderían clasificarse en catro grandes áreas. Daquela, a maioría das actividades da Aula TIC-Pemes da USC poden catalogarse como micro cursos formativos virtuais sobre competencias básicas e de carácter gratuíto, proxectos ou actividades específicas desenvolvidas en colaboración con outras entidades e/ou institucións, xornadas de divulgación e posta en coñecemento de alternativas dispoñibles en materia TIC, e obradoiros virtuais diversos. Cómpre destacar da bagaxe da Aula TIC-Pemes da USC, unha aula universitaria dirixida na actualidade pola profesora da USC Ángeles López Cabarcos, a mención obtida na edición dos Premios Fundetec 2010, na que resultou finalista, polo proxecto ‘Dinamizadores TIC’. Difusión e divulgación A divulgación de noticias e contidos de interese en materia TIC, especialmente aqueles dirixidos, aínda que non exclusivamente, a pemes e empresas do eido da USC, é outro dos cometidos nos que traballa de xeito intenso a Aula Tic-Pemes. Este labor centralízase a través do seu portal web, accesible no enderezo http://www.usc.es/atpemes, e no que na actualidade se recollen arredor de 6.000 entradas de novas, estatísticas, informes, convocatorias, experiencias, eventos... e todos cantos contidos en materia TIC se consideren relevantes. A ampliación e mellora do alcance e da difusión a través dos medios sociais constitúe outra das áreas na que a Aula TIC-Pemes está a redobrar esforzos nas últimas datas para así potenciar e aumentar a capacidade de difusión en materia TIC realizada a través do portal web e tamén para facilitar a interacción con outras persoas e institucións con intereses parellos. A Aula TIC-Pemes está presente en Facebook, Twitter, Google+, Linkedin, Pinterest e YouTube. De feito, a través da súa canle de YouTube, a Aula TIC-Pemes realiza unha selección de vídeos relevantes en materia relacionada coas tecnoloxías da información e da comunicación como complemento doutras actividades de difusión, ao tempo que emprega este soporte para a publicación de vídeos de elaboración propia.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 04.07.2014.