O autoconsumo eléctrico, trabas e oportunidades, a debate este mércores nos Encontros de Lúa Chea na residencia Jesús Bal y Gay

As trabas e as oportunidades que depara o autoconsumo eléctrico centrará este mércores 28 de outubro, a partir das 20.00 horas, na cafetería da residencia universitaria Jesús Bal y Gay de Lugo, a temática do debate dunha nova sesión dos Encontros de Lúa Chea. A entrada é libre e gratuíta para todas as persoas interesadas.
O profesor de Electrotecnia da USC na Escola Politécnica Superior do campus de Lugo, Miguel Á. González García, e Adrián Dios Vicente, investigador da USC que estuda a evolución do sistema eléctrico, serán os dous relatores convidados a participar nesta nova sesión dos Encontros de Lúa Chea, un ciclo de debate informal promovido polo colectivo universitario Proxéctate en Galego e a través do que se busca recuperar o encontro físico como ferramenta básica para a comunicación e debate fronte ás tendencias de comunicación virtual e redes sociais. A temática escollida para esta nova sesión dos Encontros de Lúa Chea responde ao ruxe ruxe xerado arredor do Real decreto sobre autoconsumo enerxético, tamén coñecido como ‘imposto ao sol’, que vén de aprobarse este mes de outubro. Deste xeito, os relatores participantes afondarán nesta sesión sobre as vantaxes e dificultades do autoconsumo eléctrico, ao tempo que reflexionarán sobre outros aspectos dunha alternativa enerxética que ten moitas potencialidades en Galicia, tanto pola dispersión da poboación e pola abundancia de recursos como o vento, a auga e o sol.