Avaliacións flexibles e adaptadas ás circunstancias excepcionais por mor da crise da Covid-19
A resolución reitoral de 7 de abril pola que se establecen as obrigas referidas á docencia non presencial insta a que o profesorado defina probas de avaliación flexibles e adaptadas ás circunstancias excepcionais que se están a vivir por mor da crise da Covid-19. Neste senso, o texto contempla a necesidade de que os docentes manteñan abertas canles de comunicación directa co alumnado e que adapten a programación prevista para o presente cuadrimestre ás metodoloxías non presenciais, a través da modificación das guías docentes.
Ter operativa unha aula virtual a disposición do seu alumnado; respectar as datas contempladas no calendario académico aprobado para este curso 2019-2020; ou adecuar a actividade aos contidos previstos de cada materia, coas adaptacións que resulten imprescindibles e se xustifiquen adecuadamente, son outras das obrigas que contén o documento.
O profesorado debe, asemade, subministrar ao alumnado materiais, ferramentas e orientacións para a preparación dos contidos e a adquisición das competencias; ofrecer unha temporalización das actividades a realizar que sexa respectuosa co calendario académico e coas cargas de traballo do alumnado; e comunicar ao alumnado con antelación suficiente calquera cambio nos tipo de probas, baremos ou criterios. As modificacións relativas ao sistema de avaliación deberán acreditarse antes do 30 de abril.
O obxectivo desta nova resolución é o de, despois de analizar a situación actual e consensuar as medidas a adoptar coa Xunta de Galicia e as outras universidades galegas, crear un conxunto de directrices comúns que aseguren a calidade no proceso docente non presencial co que rematará o período lectivo referido ao segundo cuadrimestre do curso académico 2019-2020.