Ir o contido principal

Avanzan na busca de novos fármacos antiplaquetarios que permitan unha mellora en pacientes infartados

A doutora Paula Vélez co profesor Ángel García (á súa dereita) e José María García Acuña
A doutora Paula Vélez co profesor Ángel García (á súa dereita) e José María García Acuña

A investigadora da USC Paula Vélez concluíu unha investigación de máis de tres anos na que identifica novos biomarcadores e dianas farmacolóxicas antiplaquetarias en infarto agudo de miocardio. Os resultados do traballo forman parte da súa tese doutoral que, dirixida polo profesor da USC Ángel García e o doutor do Servizo de Cardioloxía do CHUS, José María García Acuña, acadou a cualificación de sobresaliente cum laude.

As plaquetas son células sanguíneas sen núcleo que se activan no momento en que se produce unha ferida, contribuíndo á formación do coágulo que evita a perda de sangue. O problema xorde cando, en circunstancias patolóxicas, as plaquetas se activan “de xeito indesexable” e producen un trombo que no caso das arterias coronarias acaba obstruíndoas dando así lugar a un infarto agudo de miocardio.

O traballo é froito dunha colaboración estable do grupo de Proteómica de Plaquetas do CIMUS co servizo de cardioloxía encadrada no IDIS. A proteómica ocúpase da análise do proteoma, isto é, o conxunto de proteínas presentes nunha célula, tecido ou fluído biolóxico nun momento dado, e que son responsables da súa actividade biolóxica. Esta tecnoloxía baséase en técnicas avanzadas de separación e análise de proteínas. No caso das plaquetas, a proteómica permite estudar en detalle as súas proteínas co fin de atopar biomarcadores e obxectivos farmacolóxicos que permitan un mellor tratamento das enfermidades trombóticas e cardiovasculares.

Máis de tres anos de traballo
Paula Vélez investigou durante máis de tres anos as plaquetas de pacientes con infarto agudo de miocardio, identificando unha serie de proteínas liberadas por elas ao activarse nun infarto así como receptores claves para dita activación. Algún destes receptores, contra os que non hai fármacos no mercado, é relevante como posible diana farmacolóxica para desenvolver novos fármacos antiplaquetarios que permitan un mellor tratamento dos pacientes infartados. De feito, esta busca está en marcha en colaboración co Grupo Biofarma do Departamento de Farmacoloxía, Farmacia e Tecnoloxía Farmacéutica da USC no que tamén traballa o profesor Ángel García.

Os resultados da tese de doutoramento presentáronse en numerosos congresos internacionais do campo da cardioloxía e a proteómica e publicáronse en prestixiosas revistas internacionais. Parte das investigacións, en concreto centradas en estudar o proteoma das plaquetas intracoronarias en contacto co trombo que provoca o infarto, acaba de ser portada da revista Proteomics Clinical Applications (http://onlinelibrary.wiley.com/doi/10.1002/prca.201670080/full). A investigación foi financiada polo MINECO, a Sociedade Española de Trombose e Hemostasia, e o IDIS, entidade esta última que financiou o contrato predoutoral de Paula Vélez.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 20.09.2016.