Ir o contido principal

Avelino Pousa Antelo e Ángel Carracedo recollen este sábado o Premio á Alta Capacidade Galega

Convocado pola Asociación de Altas Capacidades de Galicia e o auspicio da Facultade de Psicoloxía

A Asociación de Altas Capacidades (ASAC) de Galicia entregará este sábado 10 a Avelino Pousa Antelo e Ángel Carracedo o Premio á Alta Capacidade Galega 2009 convocado este ano por vez primeira para distinguir a aquelas persoas que coa súa entrega, creatividade, capacidade, talento e esforzo contribúen ao progreso científico, ao incremento do patrimonio cultural e ao desenvolvemento social de Galicia.
A cerimonia de entrega desenvolverase no Salón de Actos da Facultade de Psicoloxía a partir das 12:00 horas, cun discurso de benvida a cargo da presidenta de ASAC, Mª Luz González. A continuación, a profesora da USC e coordinadora das actividades de ASAC Galicia Carmen Pomar explicará nunha conferencia a situación actual das altas capacidades.
O xurado desta primeira convocatoria estivo formado pola decana da Facultade de Psicoloxía, Socorro Rodríguez Holguin; a presidenta de ASAC; o presidente da Sociedade Galega de Historia Natural, Serafín González; o director do Observatorio Astronómico ‘Ramón María Aller’ da USC, José Ángel Docobo; David Otero en representación da Asociación de Escritores en Lingua Galega; e Ana Ramos López, secretaria de ASAC.
Todos eles destacaron o amplo labor investigador do catedrático Carracedo no campo da xenética molecular, unha especialidade na que é pioneiro e na que chegou a deseñar pautas e modelos de actuación que hoxe se aplican internacionalmente. Paralelamente, recoñeceron a Pousa Antelo pola súa “entrega permanente a Galicia no desempeño dos seus labores” como docente, escritor, político e animador cultural.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 09.10.2009.