Ir o contido principal

A avespiña do castiñeiro, unha ameaza crecente pola súa alta capacidade de propagación

Avespiña asiática, na bugalla dun castiñeiro
Avespiña asiática, na bugalla dun castiñeiro
A investigadora Fina Lombardero cifra en máis do 90% os castiñeiros do campus de Lugo infestados por un parasito que reduce a produción de castaña a menos da metade

A avespiña do castiñeiro (Dryocosmus kuriphilus), un insecto orixinario de China e localizado por vez primeira en Galicia hai pouco máis dun ano en exemplares de castiñeiro existentes no campus de Lugo, está a converterse nunha ameaza crecente para a produción de castaña, dada a súa alta capacidade de propagación, segundo indica a investigadora do Departamento de Produción Vexetal da USC na Escola Politécnica Superior María Fina Lombardero.

Lombardero, que en 2014 alertou da presenza desta avespiña asiática en Galicia, observa como a rápida expansión deste insecto que afecta unicamente aos castiñeiros e que pode reducir a menos da metade a súa produción de castaña, comeza a ser unha ameaza preocupante ante a ausencia de medidas efectivas de control. As cautelas da Administración para autorizar novos procesos de liberación do parasitoide Torymus sinensis, unha especie tamén de orixe asiática que se ten mostrado como antagonista da avespiña do castiñeiro,ante a posibilidade de hibridización ou contaminación xenética das especies orixinarias, fan máis lentas as medidas de control para frear a expansión da avespiña do castiñeiro en Galicia. Este insecto exótico orixinario de China estendeuse de xeito progresivo nas últimas décadas por todo o mundo. A súa presenza en América detectouse nos anos 70 e en 2002 en Italia, onde o sector aínda está a recuperarse das graves perdas rexistradas. A avespiña do castiñeiro está presente en España desde 2012, cando se detectou por vez primeira en Cataluña. Fina Lombardero constatou en 2014 a súa chegada a Galicia tras observar este insecto exótico nos castiñeiros do campus lugués, nos que esta investigadora tamén advertiu da existencia de bugallas que poderían datar xa de 2013. Sen embargo, apenas un ano despois desta primeira identificación da avespiña do castiñeiro en Lugo, este insecto advírtese na actualidade moitas localidades galegas, aínda que áreas do interior da provincia e Lugo e tamén en Ourense, son as rexións nas que se rexistra unha maior densidade deste insecto, segundo indica Lombardero. Respecto da velocidade de propagación ou expansión da avespiña do castiñeiro, os estudos desenvolvidos no campus de Lugo por esta investigadora pertencente á Unidade de Xestión Forestal Sostible (UXFS) da USC revelan que hai exemplares arbóreos nos que a presenza da avespiña do castiñeiro, que xa afecta a máis do 90% dos castiñeiros da sede universitaria luguesa, multiplicouse por 10 no último ano. Aínda así, en termos xerais podería indicarse que a poboación se multiplicou por 4 respecto o ano anterior. Así mesmo o número de árbores atacadas no 2015 no campus de Lugo incrementouse nun 38 % respecto o ano anterior. A alta velocidade de propagación deste insecto exótico non sorprende debido a súa bioloxía, xa que a femia non precisa dun macho para aparearse e ten capacidade para pór de entre 100 a 200 ovos, indica esta investigadora. A presenza de carballos entre a flora leñosa existente na contorna da sede universitaria luguesa é un factor que podería actuar negativamente no proceso de expansión ou propagación da avespiña do castiñeiro, explica Lombardero. Daquela, esta investigadora observou diferentes especies parasitoides dos insectos causantes do bugallos dos carballo atacando á especie invasora nos castiñeiros actuando como mecanismos naturais de control que frean a propagación desta avespiña asiática.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 02.10.2015.