Axudas para sufragar gastos de aloxamento, transporte ou material
Estudantes de grao e de mestrado son as persoas destinatarias da convocatoria de axudas ao estudo que a USC acaba de facer pública para o presente curso 2024/2025. O seu obxectivo é sufragar parcialmente os gastos de aloxamento, transporte e/ou material de estudos que deban afrontar durante este ano académico. As solicitudes poderán presentarse dende este martes 15 ata o vindeiro 5 de novembro.
A convocatoria extraordinaria que impulsa a USC e a Fundación Santander supón unha liña de 225 axudas co obxectivo de contribuír a que o estudantado con necesidades económicas demostradas poida diminuír o impacto negativo que está a causar a situación da vivenda en Santiago e Lugo e tamén en ser un apoio para a manutención.
Convocadas en réxime de concorrencia competitiva, as axudas consisten nunha achega económica de 1.000 euros por persoa beneficiaria, excepto aquelas que conseguisen a axuda para manutención, en cuxo caso se descontará o importe do bono comedor recibido, valorado en 520 euros.
Requisitos e incompatibilidades
Quen desexe concorrer a esta convocatoria debe estar matriculado este curso nun título oficial de grao ou mestrado da USC sempre que non teñan xa ou vaian ter proximamente un título equivalente. Non poderá participar o estudantado que estea cursando na USC un programa de mobilidade entrante nacional ou internacional nin quen estea noutra universidade. Os requisitos económicos referiranse á Renda Persoal Dispoñible da persoa solicitante, que non poderá superar os 9.000 euros segundo o procedemento de cálculo establecido na convocatoria, e teranse en conta situacións laborais e económicas de especial gravidade, que haberán de xustificarse documentalmente.
Estas axudas son incompatibles coa percepción de calquera outro tipo de axuda ou subvención de carácter público ou privado para a mesma finalidade. Quen fose beneficiario das bolsas de carácter xeral para estudantes que cursen estudos postobrigatorios (Bolsas do MEC) que perciban dentro da contía fixa o compoñente por “residencia do estudante durante o curso escolar” non poderá destinar o importe destas axudas ao estudo para gastos de aloxamento, pero si a transporte e/ou material de estudo.