A bailarina xaponesa Yuko Hashimoto actúa este sábado na Igrexa da Universidade

A danza contemporánea foi esta semana a protagonista da programación cultural da USC en Santiago coa celebración dun taller a cargo da bailarina xaponesa Yuko Hashimoto que se clausurou este xoves. Hashimoto actuará este sábado 26 ás 20.30 horas na Igrexa da Universidade acompañada da bailarina Nanako Horikawa e coa música ao piano de Kanako Horikawa. Yuko Hashimoto formouse en pedagoxía e danza nas universidades de Gakugei e Ochanomizu de Tokio e no Centro Brockport da Universidade do Estado de Nova York onde actualmente desenvolve a súa actividade. Está especializada en pedagoxía da danza na educación escolar e en danza somática aplicada a terapias de mobilidade. Entre as súas coreografías destacan ‘Addicted Passion’, ‘Surge’, ‘Booooon’, ‘Hokage’, ‘Memento’, ‘Super 5’, ‘Li-ve-rve’ e ‘Merge’. Desde 2010 Hashimoto é membro do Teatro da Danza Geomantics, en Rochester (Nova York), dirixido por Richard Haisma. En 2011, como artista independente, Hashimoto xirou co proxecto Hokage: Colaboración de Danza e Lingua. Recentemente, puxo en marcha o Laboratorio de Danza do A.B.C., baseado en formación, actuacións, e investigacións que exploran as súas experiencias de estudos prácticos e teóricos en danza e educación. Nanako Horikawa, que o día 26 acompañará a Hashimoto sobre o escenario, marchou de Xapón en 2007 cara Nova York para formarse en danza contemporánea no Centro Brockport, onde se licenciou en Belas Artes en Danza. Como intérprete, participou en diferentes eventos como La MaMa moves; Dance New Amsterdam; Movement Research Open Performance; WAX works; Fertile Ground; Rochester Contemporary Dance Collective; Eastman School of Music; Geva Nextstage; Visual Studies Workshop; e Vision of Sound, así como coa súa propia xira en Xapón. Actualmente, Nanako baila no Teatro da Danza Geomantics de Rochester, no Mariah Maloney Dance e na Company K. Reagan. A pianista Kanako Horikawa formouse en Xapón e Francia. Cunha solvente traxectoria académica, ademais dos seus propios recitais como solista realizou numerosos acompañamentos en concertos e concursos, incluíndo a ópera Tosca coa Orchestre Lamoureux e a homenaxe a Serge Gainsbourg. En marzo de 2012 foi convidada para actuar na recepción conmemorativa do Gran Terremoto de Xapón do Leste organizado pola embaixada xaponesa en Bucarest. Fundadora do grupo Cabinet toi e moi, actualmente é profesora na Escola de Música do CLC e traballa como pianista acompañante no Conservatorio de Fontenay-sous-Bois.