Ir o contido principal

Banda Crebinsky abre este martes no parque Rosalía de Castro o cartel musical do ciclo ‘Entre Lusco e Fusco’

Foto: Banda Crebinsky
Foto: Banda Crebinsky
A actuación comezará ás 21.00 horas e a entrada é libre de balde para todo o público

A Banda Crebinsky abre este martes 28 ás 21.00 horas no anfiteatro do parque Rosalía de Castro de Lugo a programación musical do ciclo ‘Entre Lusco e Fusco’, un programa impulsado pola área de Cultura do campus de Lugo e organizado ao abeiro do convenio Lugo Cultural, que conta con financiamento da USC, Deputación e Concello de Lugo.

Logo de verse na obriga de suspender por causas meteorolóxicas a actuación programada en Lugo, os integrantes da Banda Crebinsky terán este martes unha nova ocasión para achegar ao público lugués a súa música. Esta banda, que conta xa cunha ampla bagaxe musical, ten probada capacidade de integración das súas experiencias e estilos persoais, dende o klezmer ou o folk, rock , música clásica ou experimental.

Banda Crebinsky publicou en 2010 o seu primeiro disco titulado Banda Crebinsky, cos temas da B.S.O. composta por Pablo Pérez Sanmamed do filme Crebinsky. A partir dese momento comezan a ofrecer concertos en diversos formatos e a recibir diversos premios e nomeamentos como os da Música Independente ou os Mestre Mateo. Dous anos despois sae o seu segundo traballo, ‘Jet lag’, no que optan por un son máis ecléctico e directo.

Banda Crebinsky incorpora en 2014 ao cantante e actor Sergio Zearreta, co que xa colaboraran antes e que pasa a integrar a relación de compoñentes dunha formación da que tamén forman parte Vadmin Yukhnévich (voz e baián), Fernando Abreu (clarinete, mandolina e voz), Xacobe Lamas (violín), Enrique Otero (teclados e voz), Pablo Carrera (guitarra e voz), Pablo Pérez Sanmamed (composición e contrabaixo) e Miguel Queixas (batería).

O concerto de Banda Crebinsky será o primeiro das dúas actuacións programadas ao abeiro do ciclo ‘Entre Lusco e Fusco’, unha proposta cultural que retoma este ano a área de Cultura do Campus de Lugo da USC coa intención de recuperar espazos naturais da cidade. No marco da mesma tamén está previsto un concerto de Natalia Millán, que actuará no parque Rosalía de Castro de Lugo o vindeiro 6 de xullo. Nesta ocasión, Natalia Millán estará acompañada polos músicos de Zércalo.

No caso de que as condicións meteorolóxicas impidan as actuacións ao aire libre, os dous concertos trasladaranse ao Círculo das Artes de Lugo.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 27.06.2016.