Ir o contido principal

O barítono Antón de Santiago colabora co IV Ciclo universitario

O barítono Antón de Santiago colabora co IV Ciclo universitario
O barítono Antón de Santiago colabora co IV Ciclo universitario

O cantante lírico Antón de Santiago comezou a colaborar coa materia Ópera e cine do IV Ciclo da USC que se imparte os mércores pola tarde na Fonoteca universitaria. “O seu saber e a súa bagaxe na escena serán unha grande achega ao desenvolvemento da materia”, explica a súa coordinadora Silvana Longueira, que engade que “para nós e un gran privilexio escoitalo e poder intercambiar percepcións e reflexións”.

Antón de Santiago leva vinte e cinco anos dedicado á docencia como responsable da Cátedra de Canto do Conservatorio Superior de Música da Coruña e cunha extensa carreira como cantante, compositor, director e produtor. Conta con diversas gravacións como intérprete, entre as que destaca o CD No bico un cantar, selección de cantigas líricas galegas, varios libros publicados sobre técnica da voz e do canto, estudos e ensaios e composicións propias.

A materia Ópera e cine incorporouse este curso académico á programación do IV Ciclo co obxecto de achegar coñecemento e, sobre todo, xerar un espazo de reflexión sobre a ópera. Dentro da planificación prevista para este semestre contémplanse diferentes saídas a espectáculos musicais, que incluíu xa o espectáculo Elementa! do quinteto Zoar enmarcado nas Xornadas de Música Contemporánea de Compostela.

A intervención de Antón de Santiago deste mércores centrouse in musica favellare, o nacemento da ópera. Tomando como eixo o impulso da Camerata Fiorentina no Renacemento, a charla abordou os antecedentes da ópera, as reaccións, a creación e as primeiras obras. A seguinte colaboración será, previsiblemente, o mércores 11 de novembro para abordar as voces neste xénero musical.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 29.10.2015.