As barreiras agochadas coas que bate a muller hoxe centran o segundo debate do ciclo ‘Encontros de Lúa Chea’

O ciclo de debates sobre temas de actualidade ‘Encontros de Mércores de Lúa Chea’ celebrará este mércores 8 de abril, a partir das 20.00 horas, na cafetería da residencia universitaria Jesús Bal y Gay, unha nova sesión aberta de debate e diálogo na que distintas relatoras reflexionarán sobre as distintas barreiras, moitas delas aínda agochadas, coas que bate a muller na sociedade actual.
A presidenta da Asociación Enriqueta Otero, Aurora Antúnez, e as profesoras e investigadoras da USC no campus de Lugo Carmen Blanco e Comba Campoy serán as tres relatoras que se ocupen de situar ao público asistente no tema de conversa con intervencións breves nas que sinalarán algunhas das barreiras coas que baten as mulleres na sociedade actual, ao tempo que farán especial fincapé naquelas dificultades que afectan de xeito específico á poboación feminina e que non son especialmente visibles para o resto da sociedade. A partir das súas intervencións, o público presente establecerá un coloquio sobre cuestións como o teito de cristal, a relación entre a vida laboral e a persoal, os micromachismos presentes na vida cotiá... ou calquera outro que xurda na conversa. O ciclo ‘Encontros de Mércores de Lúa Chea’ é unha iniciativa promovida polo colectivo universitario Proxéctate en Galego, que integra os membros das distintas comisións de normalización lingüística do campus de Lugo, coa pretensión de favorecer debates en lingua galega sobre temas de actualidade relacionados coa vida universitaria. Estas sesións, de periodicidade mensual e que que terán continuidade nos vindeiros meses, están abertas á cidadanía e son de asistencia libre e gratuíta. Asemade, todas as persoas asistentes poderán compartir un aperitivo de balde durante a celebración de cada coloquio.