A ‘Batería de avaliación da competencia na linguaxe’ achega as ferramentas para determinar o dominio axeitado da escrita en Primaria

‘Batería de avaliación da competencia na linguaxe escrita en galego e castelán’ é o nome do proxecto impulsado polo grupo de investigación Optimización das Linguaxe Múltiples da USC, que este mércores presentou as ferramentas para avaliar e detectar as competencias lingüísticas dos escolares de Educación Primaria. Trátase de seis probas, de dous tipos, unhas de cribado de comprensión lectora e composición escrita, e as outras de diagnóstico para o estudo daqueles estudantes que presenten dificultades nas primeiras. O proxecto, presentado na Facultade de Ciencias da Educación nun acto presidido polo decano Lois Ferradás, pretende contribuír á diminución o máis posible do número de alumnos de Educación Primaria que abandonan o primeiro ciclo sen un dominio axeitado á súa idade na linguaxe escrita. De feito, os investigadores responsables do estudo consideran que a falla deste dominio repercute de xeito moi negativo nas aprendizaxes de todas as áreas curriculares e inciden en que é fundamental recuperalo neste período escolar pola dificultade para emendalo con posterioridade. A ‘Batería de avaliación da competencia na linguaxe escrita en galego castelán’, que está subvencionada pola Xunta de Galicia e fondos europeos Feder, pretende completarse coa posta en funcionamento de programas de axuda individuais durante segundo de Educación Primaria para os escolares identificados con dificultades. Así mesmo, proponse que antes do deseño desta axuda individualizada se proceda a realizar unha avaliación diagnóstica máis profunda, na que interveñan varios especialistas, segundo explicou un dos responsables do proxecto, o profesor Andrés Suárez Yáñez. Un númeroso grupo de alumnos e docentes asistiron á presentación do proxecto. Foto Alfonso