O benestar animal en granxas de vacún de leite segundo o modelo europeo Welfare Quality centra desde o luns un curso no Ibader

O Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural (Ibader) co Campus Terra da USC acubillará desde o luns 28 ata o xoves 31 de maio a celebración dun curso de carácter teórico e práctico sobre benestar animal en vacún de leite, ao abeiro do que se tratarán os principios básicos do modelo europeo Welfare Quality. Esta actividade formativa, para a que xa formalizaron a súa inscrición un total de 40 persoas, está organizada pola empresa Araporcei, que actúa como organismo independente de control na certificación e inspección de produtos agroalimentarios.
O curso, orientado á participación de profesionais do sector lácteo galego e dirixido por Ileana Calixto Herrera, afondará sobre os criterios básicos que rexen o modelo europeo Welfare Quality sobre benestar animal, un proxecto de investigación europeo iniciado en 2004 e no que participaron máis de 40 institucións científicas de 15 países, que permitiu desenvolver un sistema de valoración universal do benestar animal en granxas e matadoiros.
O Welfare Quality constitúe un procedemento acaído para avaliar de forma obxectiva o benestar animal, ao tempo que permite identificar as súas causas e deficiencias, a fin de prestar logo asesoramento aos gandeiros sobre posibles melloras. As distintas sesións formativas nas que está estruturado este curso comezarán o luns 28 de maio, a partir das 9.30 horas, no Aula Luciano Sánchez García do Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural (Ibader).
Os usos deste protocolo de avaliación son diversos, xa que se trata de parámetros que poden empregarse de forma individualizada par facer seguimento dun problema específico que poida existir na explotación. Os gandeiros poden usar este modelo para facer unha análise interna, mentres que as empresas poden usar este protocolo como ferramenta de comunicación co consumidor e incluso para a emisión de certificacións externas independentes, a través das que se garante que os produtos agroalimentarios certificados responden ás aspiracións dos consumidores.