Ir o contido principal

#BenVidaUSC! achegará actividades culturais, deportivas e divulgativas ao alumnado do 18 ao 29 de setembro

Concertos, aulas abertas ou visitas guiadas integran a programación das xornadas. Imaxe de arquivo das xornadas do pasado ano. FOTO: Santi Alvite
Concertos, aulas abertas ou visitas guiadas integran a programación das xornadas. Imaxe de arquivo das xornadas do pasado ano. FOTO: Santi Alvite
“Queremos que o estudantado coñeza todo o que a Universidade lle ofrece máis alá das aulas”, subliña a vicerreitora de Estudantes e Cultura, Pilar Murias, en relación ás xornadas de benvida que darán a coñecer a oferta de servizos da USC nos campus de Santiago e Lugo
Lugo, Santiago de Compostela

As xornadas #BenVidaUSC! albergarán do 18 ao 29 de setembro múltiples actividades culturais, deportivas e divulgativas que servirán para achegar a oferta de servizos da USC para este curso 2023-2024 ao alumnado. “Queremos que o estudantado coñeza todo o que a Universidade lle ofrece máis alá das aulas”, subliña a vicerreitora de Estudantes e Cultura, Pilar Murias, quen se amosou moi satisfeita coa boa acollida de #BenVidaUSC! o pasado curso.

Concertos, aulas abertas ou visitas guiadas integran a programación que xa pode consultarse na páxina web de #BenVidaUSC! Entre as novidades deste curso, destacan os obradoiros de podcast e de videocreación, que se suman ás aulas abertas de actividades como zumba, ioga, GAP+Tono, HIIT, pilates, así como ás de swing, danza tradicional e pandeireta, danza contemporánea ou tango, entre outras.

Ademais, o mércores 20 en Lugo e o martes 26 en Compostela, terán lugar os torneos deportivos de benvida que servirán para que o alumnado coñeza de primeira man a oferta da Área Deportiva en actividades como tenis, balonmán, voleibol, baloncesto ou fútbol. “As xornadas ‘#BenVidaUSC!’ constitúen unha iniciativa que busca poñer en valor as potencialidades reais dos servizos que presta a USC á comunidade universitaria”, engade Pilar Murias, en relación a este programa amplo e diverso que contará tamén con visitas a puntos emblemáticos da Universidade como o Museo de Historia Natural, o Observatorio Astronómico Ramón María Aller ou a Domus do Mitreo, entre outros.

‘O coidado dos vínculos afectivos: Obradoiro de Quérote + sobre a xestión de parella e vínculos sentimentais’ será tamén outro dos espazos formativos ofertados, xunto con distintas sesións de presentación nos que servizos como a Oficina de Igualdade de Xénero, a Unidade de Atención Psicolóxica ou o Servizo de Participación e Integración Universitaria darán a coñecer a súa actividade.

Concertos

A música tamén estará moi presente nas xornadas de benvida. Así, a Praza de Mazarelos acollerá as actuacións de High Paw, Catuxa Salom e Ortiga, o xoves 28, a partir das 20.00 horas. No caso do Campus de Lugo, Catuxa Salom e Ortiga actuarán o xoves 21, ás 20.30 horas, na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría (EPSE).

O acceso aos concertos será de balde ata completar a capacidade do espazo, mentres que para aulas abertas, presentacións e visitas guiadas será preciso rexistrase na web de #BenVidaUSC!

Os contidos desta páxina actualizáronse o 11.09.2023.