Berro de silencio contra a violencia de xénero

Numerosos compañeiros, docentes, traballadores e membros do equipo de dirección da USC concentráronse este xoves 19 diante da Facultade de Ciencias da Educación do Campus Norte para protestar polo asasinato da alumna do Grao de Mestra de Educación Infantil Gloria García.
“Lanzamos dende aquí -dixo o decano do centro Lois Ferradás- un berro de silencio contra a violencia de xénero, que como desgraciadamente vemos non é algo distante senón que está cerca de nós, entre nós”. Por iso, “como educadores que somos debemos asumir o compromiso de facer todo o posible para erradicar a violencia de xénero en todos os contornos”. Nesta mesma liña, a Oficina de Igualdade fixo público un comunicado que expresa o rexeitamento da USC ante “calquera tipo de violencia e, en especial, ante a violencia de xénero, que constitúe unha lacra que a sociedade ten que erradicar”. A universidade compostelá quere sumarse á dor da familia e reitera, como institución educadora, “o seu compromiso cunha formación integral que debe ter como un dos seus piares a igualdade”. Só así, engade o comunicado, “ acadaremos unha sociedade máis xusta na que estes feitos non teñan cabida”.