Ir o contido principal

A Biblioteca Intercentros acolle este xoves un acto de benvida a estudantes estranxeiros chegados a Lugo este semestre

A Biblioteca Intercentros do campus de Lugo acollerá este xoves, a partir das 10.00 horas, unha xornada de benvida a estudantes estranxeiros chegados que cursarán estudos no campus de Lugo durante o segundo semestre do presente curso.

A xornada, a través da que a Vicerreitoría de Coordinación do campus de Lugo da USC pretende ofrecer unha visión xenérica da sede universitaria luguesa, así como da oferta de servizos da que poden beneficiarse os estudantes chegados doutros países, desenvolverase ao longo de toda a xoranda. A sesión matinal contempla a celebración de distintas charlas, nas que os responsables da Oficina de Información Universitaria, Centro de Linguas Modernas, Área de Deportes e voluntariado, informarán sobre as actividades que desenvolven, así como das posibilidades de participación nelas. Unha visita guiada ás instalacións da Biblioteca Intercentros do campus de Lugo e encontros con outros estudantes de intercambio completan a programación matinal, que rematará, a partir das 13.00 horas, nas dependencias da aula de informática do centro bibliotecario, cunha recepción institucional a cargo da Vicerreitora de Servizos Universitarios do campus de Lugo, Carme Silva, e na que tamén participarán a concelleira de Educación do Concello de Lugo, Esther Muñoz, e o deputado provincial delegado da área de Cultura e Turismo, Mario Outeiro. Unha vez rematado este acto de benvida, todas as persoas participantes poderán compartir un aperitivo na cafetería da Escola Politécnica Superior do campus de Lugo. Xa en quenda de tarde, o estudantado estranxeiro inscrito para tomar parte nesta xornada de benvida participará, a partir das 17.00 horas, nunha visita guiada á Domus do Mitreo.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 28.01.2015.