A Biblioteca Intercentros do Campus de Lugo repite o seu programa de formación para a busca e xestión de información na elaboración de traballos científicos

A Biblioteca Intercentros de Lugo impulsa de novo este ano o seu Programa de Formación en Competencias Informacionais para Alumnado de Máster e Doutoramento ante a boa acollida que tivo durante o pasado curso. Esta actividade desenvolverase dende o 3 de febreiro deica o 17 de marzo na Aula Universia da Biblioteca Intercentros do campus lucense.
O programa, destinado a alumnos de máster, doutoramento e investigadores en proceso de formación, está destinado a facilitar a elaboración dun traballo de investigación ou a redacción dun texto científico dende o punto de vista da procura de información. Segundo explican os responsables da iniciativa, esta busca a miúdo se fundamenta directamente en traballos anteriores que contribúen a dar credibilidade científica ao novo e permiten ao seu autor desenvolver unha reflexión persoal. Os obxectivos do curso concrétanse en atopar documentos para elaborar un traballo, dispor de información actualizada e pertinente, elaborar unha bibliografía e aprender a citar correctamente os textos consultados. Entre os contidos do programa de formación está por un lado a información científica e polo outro a xestión da información. Esta actividade conta con 15 prazas e será dirixida polos profesores Inés Amboage García e César Gómez Pérez, que impartirán as sesións formativas todos os xoves de 19:00 a 21:00 horas.