A biblioteca Intercentros do Campus súmase ao centenario do pasamento de Pardo Bazán cunha mostra bibliográfica da autora

A Biblioteca Intercentros do Campus de Lugo da USC acolle ata o vindeiro 20 de febreiro un centro de interese sobre Emilia Pardo Bazán, unha mostra bibliográfica organizada coa colaboración das profesoras da USC Cristina Patiño e Mar Novo, que son dúas das maiores especialistas en Pardo Bazán, a través da que o centro universitario lugués pretende render a súa particular homenaxe ao centenario do pasamento da escritora, efeméride celebrada o pasado ano.
A mostra bibliográfica sobre Emilia Pardo Bazán está integrada polos fondos vencellados a esta autora que se poden consultar na biblioteca Intercentros do Campus de Lugo, segundo indicou a directora deste centro, Julia Cantalapiedra, quen precisou que os libros expostos permiten achegarse a biografía e a obra de Pardo Bazán.