Ir o contido principal

Biblioteca Intercentros e SNL organizan o 4 de novembro unha xincana bibliográfica co gallo do Día da Ciencia en Galego

A inscrición no torneo, aberto á comunidade universitaria e que rende homenaxe a Isaac Díaz Pardo, Florence Nightingale e Richard Buckminster, remata o 31 de outubro

A Biblioteca Intercentros do campus de Lugo e o Servizo de Normalización Lingüística (SNL) da USC celebrarán o vindeiro 4 de novembro, a partir das 19.00 horas, unha xincana bibliográfica centrada na vida e no legado das tres persoas ás que rende homenaxe este ano o Día da Ciencia en Galego: Isaac Díaz Pardo, Florence Nightingale e Richard Buckminster.

A inscrición nesta xincana, deseñada como unha competición entre equipos formados por membros da comunidade universitaria con tarxeta de lector/a da biblioteca vixente para o curso 2013-14, permanecerá aberta ata o vindeiro 31 de outubro. As persoas interesadas poderán formalizar a súa matrícula de balde no enderezo de correo electrónico intprest [at] usc.es (intprest[at]usc[dot]es), indicando o seu nome, correo electrónico e centro universitario ao que pertencen. Os participantes na I Xincana Biblioteca Intercentros, un torneo limitado a un máximo de dez equipos, terán que resolver as actividades propostas polos organizadores relativas á localización de documentos impresos ou dixitais relacionados cos homenaxeados, tales como libros, vídeos, imaxes, podcast... A competición require asemade dar resposta a outras cuestións sobre trámites electrónicos relativos co préstamo ou reserva de material da Biblioteca Intercentros a través da páxina web da BUSC. O equipo que acerte o maior número de preguntas no menor prazo de tempo recibirá como premio un dispositivo electrónico, a escoller entre lector de libros electrónicos, tablet ou web-tv. Cada integrante do equipo gañador poderá elixir o seu respectivo agasallo entre os propostos polos organizadores. O xurado fará entrega dos premios o día 6 de novembro no marco dos actos de celebración do Día da Ciencia en Galego.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 28.10.2013.