Ir o contido principal

A biblioteca da Universidade de Compostela adquiriu un total de 31.276 títulos de monografías en 2006

A biblioteca da USC aumentou en 2006 o seu número de monografías con 31.276 títulos, segundo recolle a correspondente memoria anual deste servizo universitario. Destes, 22.263 foron comprados, 2.037 chegaron por intercambio e 6.976 por doazón.
En 2006, a Biblioteca Universitaria tamén puxo en marcha o seu catálogo de coleccións dixitais que, dende o mes de maio do ano pasado, dá acceso a través da páxina web aos fondos dixitalizados da prensa galega, teses da USC publicadas a partir de 2005, fondo antigo galego e aos fondos xerais. Xa en 2007, esta sección ampliouse coa incorporación dos incunables e cunha base de datos de nomes de autores galegos dende a que se pode acceder ás referencias bibliográficas existentes na biblioteca.
Unha das funcións da biblioteca é achegar as publicacións aos usuarios. Por iso, durante 2006, foron 352.413 o número de préstamos a domicilio, 10.152 as transaccións de solicitudes interbibliotecarias e 31.227 os documentos de consulta en sala.
Outro dato salientable son as visitas á páxina web da Biblioteca Universitaria que creceron un 15,51 por cento en relación con 2005. Así, houbo un total de 777.537 accesos á páxina de entrada. Sobre as revistas electrónicas, a BUSC achegou aos usuarios 13.679 títulos diferentes e fixéronse 353.263 descargas de artigos.
Bases de datosSegundo recolle a Memoria 2006, na biblioteca continuou o funcionamento do servizo de bases de datos adquiridas en consorcio e co que se accedeu a 86 bases en rede e 45 de consulta en biblioteca. Deste xeito, a USC achegou DIALNET, proxecto no que colabora coa Universidade de La Rioja e que conta con máis de 780.000 artigos científicos hispanos dos que máis de 60.000 son a texto completo.
Ademais doutras actividades, a Memoria recolle que neste ano a Biblioteca Universitaria organizou a súa propia mostra bibliográfica conmemorativa do Día das Letras Galegas sobre a figura de Manuel Lugrís Freira e, igual que en 2005, participou na Olimpíada Solidaria de Estudo, coordinada dende a Oficina de Voluntariado en colaboración con Cooperación Internacional ONG e a Fundación Coopera.
O obxectivo desta iniciativa era defender e promover a educación como a mellor vía de desenvolvemento humano entre mozos de todos os países do mundo. Para iso, os estudantes rexistraban o seu número de horas estudando na biblioteca que logo se traducían na construción de escolas en países como Burundi, Sri Lanka ou Costa de Marfil.
Na actualidade a Biblioteca Universitaria defínese como unha unidade funcional de apoio á docencia e á investigación. En xeral, a Biblioteca Universitaria estrutúrase nunha biblioteca xeral, once bibliotecas de facultade ou escolas universitarias e catro bibliotecas intercentros repartidas nos campus de Santiago de Compostela e Lugo.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 01.08.2007.