Ir o contido principal

A Biblioteca Universitaria amplía os seus servizos cunha Base de Datos de Autores Galegos

Ademais, a BUSC tamén facilita o acceso a novos libros electrónicos sobre todos os eidos

A Biblioteca Universitaria da USC (BUSC) lanza a través da súa páxina web a Base de Datos de Autores Galegos na que se ofrece información bio-bibliográfica de autores que, figurando no catálogo deste servizo, son naturais de Galicia, están vinculados coa cultura galega ou ben desenvolven nesta comunidade a súa actividade profesional e creativa.
Esta base de datos, que xa conta con información de 7.906 autores, actualízase periodicamente a partir de datos biográficos extraídos de fontes publicadas ou proporcionados polos propios implicados. Os autores poden exercitar o dereito de acceso, oposición, rectificación e cancelación de acordo co disposto na lexislación vixente en materia de protección de datos.
Outras novidades da BUSCPor outra banda, a Biblioteca Universitaria da USC tamén ofrece a través da súa web novos libros electrónicos aos que se accede mediante as plataformas IEEE Conference Proceedings and Standars e a NetLibrary do ‘Online Computer Library Center’. Esta última colección consta de 979 títulos con información en todos os eidos e 3.400 obras de libre acceso.
Ao mesmo tempo, este servizo facilita a consulta da décimo sexta edición do Harrison Online en español centrado no estudo dos principios de medicina interna que se actualiza diariamente.
Completando o abano de posibilidades que ofrece a páxina web da BUSC, o pasado mes incorporáronse os textos dixitalizados do Libro de Horas de Fernando I, manuscrito do ano 1055, e da colección de Incunables.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 26.06.2007.