A Biblioteca Universitaria incorpora preto de 7.000 teses no portal Dialnet
A Biblioteca Universitaria de Santiago (BUSC) colabora co portal Dialnet na achega de recursos bibliográficos e, nomeadamente, nos últimos meses na incorporación das teses de doutoramento lidas na USC dispoñibles na base de datos Teseo engadindo os datos básicos de autor, título, dirección, información e composición dos tribunais, clasificacións Unesco e enlaces ao texto completo permitidos.
Así, na actualidade Dialnet ofrece información dun total de preto de 10.000 teses defendidas en Galicia. No caso concreto da USC, a partir da colaboración coa BUSC é posible acceder á información de 6.943 teses, das que 1.915 son a texto completo. O proceso de transferencia comezou polos traballos de doutoramento máis antigos, cuxa visibilidade era menor ao non estar aínda incorporadas no repositorio institucional Minerva. Na data de inicio deste proceso, en Dialnet estaban accesibles 650 teses da USC, das cales unicamente 95 eran a texto completo.
Neste enlace é posible acceder ao buscador Institucional coa pestana de teses activa para a USC. Na marxe esquerda hai distintos tipo de filtro, por texto completo, materias Dialnet, anos e outros. O portal conta igualmente cunha nova páxina de teses que ademais de mostrar un novo buscador dispón de dúas entradas principais: unha por materias da clasificación Unesco e outra por Universidades. A icona de universidades conduce a un mapa coas teses achegadas por cada Universidade distribuídas xeograficamente e ao pinchar en cada institución mostra diferentes gráficos que dan unha visión do reparto por áreas e anos.
Dialnet
Dialnet preséntase como un dos maiores portais bibliográficos do mundo, cuxo principal cometido é dar maior visibilidade á literatura científica hispana. Está centrado fundamentalmente nos ámbitos das Ciencias Humanas, Xurídicas e Sociais, e constitúese como unha ferramenta fundamental para a busca de información de calidade. Ten á súa orixe na Biblioteca e o Servizo Informático da Universidade da Rioxa.