A Biblioteca Universitaria organiza un taller sobre cómo publicar traballos científicos
A editora senior da Editorial Springer e responsable da área de publicacións de enxeñaría, Nathalie Jacobs, impartirá este martes 23 na USC un taller de autores sobre ‘Cómo publicar traballos de investigación’. É unha acción formativa que organiza a Biblioteca Universitaria dirixida a todo o persoal docente e investigador da USC interesado no tema, especialmente a investigadores en formación. Aínda que a totalidade de prazas presenciais xa está cuberta, as persoas interesadas poderán seguir a sesión en streaming pola canle ‘directo2’ de USC TV.
O seminario proporcionará unha visión dos procedementos de aceptación de manuscritos por parte dunha editorial científica. Nathalie Jacobs, dende unha óptica eminentemente práctica, presentará un conxunto de ferramentas e consellos orientados a facilitar a publicación de artigos e libros. En particular, referirase aos diversos modos de publicación existentes en Springer nestes momentos.