Ir o contido principal

A Biblioteca Universitaria permite o acceso en remoto aos recursos electrónicos aos que está subscrita

Esta iniciativa constitúe un servizo para toda a comunidade universitaria co obxectivo de que podan desenvolver a súa actividade relacionada co servizo en calquera lugar. FOTO: Santi Alvite
Esta iniciativa constitúe un servizo para toda a comunidade universitaria co obxectivo de que podan desenvolver a súa actividade relacionada co servizo en calquera lugar. FOTO: Santi Alvite
Esta iniciativa facilita a consulta de 12.000 títulos de revistas, máis de 51.000 libros electrónicos e 42 bases de datos
Lugo, Santiago de Compostela

A Biblioteca Universitaria acaba de implementar o servizo de EZproxy para permitir o acceso remoto aos recursos electrónicos subscritos pola BUSC e os subscritos a través do Consorcio BUGALICIA, para todos os membros da comunidade universitaria. Esta iniciativa permitirá, polo de agora, o acceso a 12.000 títulos de revistas, máis de 51.000 títulos de libros electrónicos e 42 bases de datos, todos eles accesibles a través de reBUSCa e Pórtico. Con todo, a directora da Biblioteca Universitaria, Mabela Casal Reyes, subliña que “imos seguir engadindo recursos”.

Calquera membro da comunidade universitaria pode acceder en remoto, dende calquera punto xeográfico, aos recursos en liña introducindo o seu usuario e contrasinal. “Trátase dun sistema sinxelo, transparente e áxil”, sinala Mabela Casal, que permitirá, asemade, “un maior uso dos recursos”, apunta a directora da Biblioteca Universitaria, quen agradece o esforzo desenvolvido pola Área TIC da Universidade.

Preparados para calquera escenario

Esta iniciativa constitúe un servizo para toda a comunidade universitaria co obxectivo de que podan desenvolver a súa actividade relacionada co servizo en calquera lugar. O vicerreitor de  Planificación, Tecnoloxías e Sustentabilidade, Gumersindo Feijoo Costa, destaca que “unha das leccións que aprendemos no semestre pasado é que o acceso aos recursos bibliográficos ten que estar o máis aberto posible”. “A través do EZproxy os problemas de acceso quedan eliminados con independencia do escenario no que nos atopemos”, sinala.

Os recursos accesibles a través do EZproxy distínguense porque a súa URL comeza por "https://ezbusc" e non é necesario levar a cabo ningún tipo de configuración no dispositivo dende o que se accede. A primeira vez que se preme nunha destas ligazóns, e ata que se peche ou caduque a sesión, o único que debe facer o usuario é introducir as súas credencias da USC. O EZproxy só pode configurarse para os recursos cuxo acceso está limitado por enderezo IP.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 10.07.2020.