A Biblioteca Universitaria reabre o seu servizo de préstamo a domicilio mediante cita previa
Dende este mércores 27 de maio a Biblioteca Universitaria abre as súas portas para retomar o servizo de préstamo a domicilio a través de cita previa. As persoas interesadas en recoller ou devolver libros deberán solicitalo a través da papeleta electrónica dispoñible nesta ligazón.
A BUSC reabre parcialmente este servizo exclusivamente para os membros da comunidade universitaria da USC. Nun primeiro momento os puntos de atención serán dous: a Biblioteca Xeral no Campus de Santiago e a a Intercentros, no Campus de Lugo. A Biblioteca Intercentros incorporarase un pouco despois, tan pronto estea en disposición de abrir as súas instalacións.
As persoas interesadas en beneficiarse deste servizo poderán solicitar, polo de agora, fondos da Biblioteca Xeral, Bioloxía, Enfermaría, Escola Técnica Superior de Enxeñaría, así como Medicina e Odontoloxía. O prazo de devolución das obras retiradas será, nun principio, de 30 días, pero faranse renovacións automáticas mentres sexa necesario. A Biblioteca Universitaria, unha vez se procese a solicitude, enviaralle a cada usuario un correo electrónico asignándolle un día e intervalo horario para que acuda a recoller ou devolver os exemplares solicitados.
Solicitude de fotocopias de revistas
A BUSC tamén reabriu parcialmente o servizo de subministro de copias dos seus fondos en papel. Polo momento, só se atenderán peticións de fondos da Biblioteca Xeral, Bioloxía, Enfermeria, Medicina-Odontoloxia e a ETSE. pero iranse atendendo peticións doutras bibliotecas de centro a medida que se vaia reincorporando o persoal ao traballo presencial. As solicitudes poden realizarse nesta ligazón. A copia solicitada será enviada á maior brevidade posible ao correo electrónico da persoa usuaria.