Ir o contido principal

Unha biografía, un congreso internacional e unha mostra serán os eixos do 150 aniversario do pasamento de Juana de Vega

A publicación dunha biografía en galego da que é autor o historiador e profesor da USC, Xosé Ramón Veiga, será un dos actos centrais desta efeméride
Santiago de Compostela

O 150 aniversario do falecemento de Juana de Vega conmemorase cun amplo e diverso programa de actividades que acaba de ser presentado pola directora da Cátedra Juana de Vega da USC, Luisa Muñoz; o presidente da Fundación Juana de Vega, Enrique Sáez; o secretario xeral de Educación e Formación Profesional da Xunta de Galicia, José Luis Mira; e o primeiro tenente de alcaldesa do Concello da Coruña, Juan Ignacio Borrego.  A publicación dunha biografía en galego de Juana de Vega, da que é autor o historiador e profesor da Universidade de Santiago de Compostela, Xosé Ramón Veiga, será un dos actos centrais desta efeméride.

Ao longo este ano, celebrarase tamén un congreso internacional destinado principalmente ao estudo do papel da muller na sociedade, organizado pola Cátedra Juana de Vega, e que leva por título ‘Contemporáneas: políticas, traballadoras e facedoras de sociedade’. Celebrarase na Facultade de Historia da USC os días 20 e 21 de outubro, coa tripla perspectiva de acoller investigacións recentes sobre a muller en ámbitos como a historia política a social ou a económica. Participarán convidadas universidades como Barcelona, Valencia ou Granada. “Estamos entusiasmadas, porque temos moitas comunicacións de gran nivel para cada un dos paneis, o que é todo un éxito, pola amplitude dos puntos de vista na reivindicación do papel social da muller”, destacou a directora da Cátedra, Luisa Muñoz.

No ámbito das exposicións, figura a mostra itinerante sobre a vida e a traxectoria de Juana de Vega, organizada en común pola Cátedra e a Fundación, que iniciará o seu percorrido na cidade da Coruña, concretamente na Casa da Cultura Salvador de Madariaga en torno ao mes de decembro. Posteriormente rotará polas principais cidades de Galicia, recalando ademais en Monforte de Lemos, terra da nai de Juana, e en Mondoñedo, de onde era orixinario o seu pai. Para acompañar esta exposición nas súas distintas sedes itinerantes está previsto un ciclo de conferencias arredor da figura de Juana de Vega e do papel da muller na sociedade do século XIX e principios do XX.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 23.06.2022.