A biografía de Luisa Cuesta inicia a nova colección de Edicións USC ‘Pioneiras da Universidade de Santiago de Compostela’
            A que foi a primeira profesora da USC, Luisa Cuesta Gutiérrez, protagoniza o primeiro volume dunha nova serie de Edicións USC dedicada ás ‘Pioneiras da Universidade de Santiago de Compostela’. O volume que se presentou este luns 3, no Salón de Graos da Facultade de Dereito, inaugura esta nova colección coa que “saldamos a débeda que a Universidade tiña, e ten aínda, contraída coas mulleres que conseguiron deitar abaixo os muros de formigón que impedían o acceso da muller á universidade”, explica o reitor Antonio López Díaz no prólogo desta obra escrita por Ana Cabana Iglesia e Aldara Cidrás Fuentes.
“É unha cuestión de xustiza para con aquelas pioneiras, pero ten que ser tamén un compromiso da Universidade para perseverar na igualdade efectiva de dereitos entre mulleres e homes, que, cen anos despois, segue sendo un dos nosos obxectivos”, engadiu o reitor nun acto no que tamén interviñeron as autoras, así como a decana do centro anfitrión, Ana Mª Gude Fernández; e o director de Edicións USC, Juan Luis Blanco Valdés. Á sesión tamén asistiu a delegada do reitor para a Igualdade, Sonia Esperanza Rodríguez Boente.
Traxectoria
Cuesta Gutiérrez foi a primeira profesora da USC e a primeira muller que estudou na Facultade de Dereito. Chegada a Santiago de Compostela en 1920 para exercer na biblioteca universitaria unha vez superada a oposición do corpo de bibliotecarios e arquiveiros, convértese, ao pouco de chegar, na primeira muller que se matricula na Facultade de Dereito para cursar os seus estudos desde 1920 ata 1923.
Se a condición de primeira estudante muller da Facultade de Dereito sería xa, de seu, suficiente para xustificar a súa biografía nesta colección, cómpre engadir que se converteu na primeira muller que accede a un posto docente da Universidade, impartindo a súa primeira aula o 27 de outubro de 1924 na Facultade de Filosofía e Letras, estudos nos que se licenciara previamente na Universidade de Valladolid. Ademais, fronte a profesores que noutras universidades desenvolvían a súa actividade sen remuneración, Luisa Cuesta cobra as mesmas retribucións previstas para os homes, converténdose, deste xeito, nunha das primeiras profesoras universitarias que en España accede á docencia universitaria en igualdade de retribucións.
OIX
‘Pioneiras da USC’ é unha colección promovida pola Oficina de Igualdade de Xénero que busca recuperar e poñer en valor o compromiso, o labor, a dimensión vital e profesional de mulleres que, contra todos os atrancos que a sociedade e a propia academia poñían para o acceso feminino a postos de responsabilidade, lograron conquistar espazos de docencia, investigación e xestión universitarias nas primeiras décadas do século XX.