A bioloxía dende unha perspectiva artística, unha proposta de Mariluz Caamaño
A mostra ‘Ciencia e arte baixo presión’ que Mariluz Caamaño expón no Colexio de Fonseca reflicte o mundo da ciencia e da natureza a través da técnica de gravado de monotipos.
Mariluz Caamaño aprendeu a debuxar case ao mesmo tempo que camiñar. Cando era moi pequena descubriu que a súa gran paixón era a pintura. Pero creceu nun tempo no que ser muller e ser artista eran termos que non ían da man. Seguindo as liñas que estaban marcadas no seu camiño, deixou atrás a súa vocación e estudou Bioloxía na USC. Chegou á cima da súa profesión e converteuse nunha prestixiosa investigadora e, posteriormente, decana da Facultade.
Detrás deste vida de éxito no mundo da ciencia, Mariluz agochaba a súa gran paixón. Aínda que pouca xente do seu entorno coñecía o talento que herdara da súa nai, ela nunca deixou de lado o seu interese polo mundo da arte. Asistía a clase de pintura e, dende o seu despacho na Universidade, seguía as últimas tendencias artísticas de Europa. Así descubriu un estilo orixinal e innovador coñecido como a técnica do gravado de monotipos.
A obra de Mariluz Caamaño combina a abstracción e o expresionismo científico. A cor e as texturas convértense nos protagonistas dunha técnica inspirada en autores como Picasso e Gauguin. Mariluz pinta a súa obra sobre unha táboa e logo imprímea sobre un papel baixo a presión dun tórculo. Una técnica que garante a exclusividade, xa que sería practicamente imposible copiar con exactitude unha obra. “Atopei nesta técnica unha forma de expresión que combina a experimentación co misterio, xa que o resultado final sempre pode sorprenderte”.
Coa súa mirada de artista, atopou beleza nas formas das células, os virus ou as bacterias e quixo amosar a ciencia dende unha perspectiva diferente. O soño dunha nena que imaxinaba ser pintora fíxose realidade “grazas á tenacidade, a perseveranza e a capacidade de saber esperar a que chegue o momento de dedicarte á túa verdadeira paixón”, afirma Mariluz.
A exposición estará aberta ata o 16 de xuño, de luns a sábado, dende as 11.00 ata as 14 horas e, pola tarde, dende as 17.00 ata as 20.30 horas.