Biomasa forestal e bioenerxía en Galicia centran a temática dos relatorios programados no ciclo Luís Asorey García
O Catedrático da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e Membro da Real Academia Galega de Ciencias, Antonio Rigueiro, e a deputada de Medio Ambiente da Deputación Provincial de Lugo, Sonsoles López Izquierdo, presentaron este luns a vixésima sexta edición do ciclo de conferencias Dr. Luís Asorey García, un programa organizado pola Real Academia Galega de Ciencias en colaboración coa institución provincial e a USC que nesta edición versará sobre a biomasa forestal e bioenerxía en Galicia.
Estruturado en sete relatorios, que se desenvolverán do 16 ao 25 de novembro no salón de actos do Pazo de San Marcos de Lugo, este ciclo constitúe unha ferramenta útil cara a “favorecer o desenvolvemento de xeito sostible do patrimonio natural do país”, segundo indicou Rigueiro Rodríguez na presentación do ciclo, un acto no que , agradeceu a colaboración da Deputación e o compromiso que ten o organismo provincial coa Real Academia Galega de Ciencias para a organización deste tipo de iniciativas. Sonsoles López Izquierdo salientou que o organismo provincial colabora con esta iniciativa que se celebra desde1985 porque “afonda en aspectos moi interesantes para o desenvolvemento da nosa provincia, como é o aproveitamento da biomasa como fonte de enerxía limpa e que servirá para impulsar o desenvolvemento económico deste sector forestal, así como dos secundarios”. López Izquierdo sinalou neste senso que “a biomasa é un combustible renovable e que produce enerxía limpa e segura; un material combustible que diminúe as emisións que contribúen a crear efecto invernadoiro, evita a dependencia enerxética dos combustibles fósiles, ao tempo que constitúe unha forma clara de reciclaxe e xestión de residuos”.
O prazo de inscrición neste ciclo de relatorios, que está recoñecido pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria como actividade de formación do profesorado non universitario, permanece aberto. As persoas interesados en participar nos distintos relatorios programados, que se desenvolverán no salón de actos da Deputación Provincial de Lugo, deben cubrir e presentar o formulario que está dispoñible no rexistro da institución provincial.