As bolseiras e bolseiros SPIU comezan o seu traballo nos campus

As bolseiras e os bolseiros de Sostibilidade, Participación e Integración Universitaria (SPIU) da Oficina de Desenvolvemento Sostible (ODS) da USC comezaron este luns a súa actividade nos campus universitarios. En concreto, 3 alumnas traballarán en Lugo, 3 no Campus Norte e 5 en Campus Vida. Así mesmo, asignáronse tres bolsas de especialización que desenvolverán as súas tarefas na ODS.
Todos e todas elas achegarán a partir de agora iniciativas que desenvolvan o Plan de Desenvolvemento Sostible da USC (PDS) nos campus universitarios, tendo en conta a especificidade, as inquedanzas e as necesidades dos diferentes centros docentes e da súa contorna.
Con estas bolsas a USC busca incidir no valor educativo cara ao alumnado, que recibe formación en desenvolvemento sostible e á vez realiza actividades de sensibilización, divulgación e formación dirixidas á comunidade universitaria. Dáse así a posibilidade de adquirir competencias no desempeño práctico, enriquecendo o seu perfil académico e complementando a súa bagaxe formativa e persoal.
Para a ODS as bolsas representan unha ferramenta imprescindible para realizar a súa actividade e achegar o PDS á comunidade universitaria, sensibilizando, formando e mesmo mobilizando os diferentes axentes implicados no día a día da USC.