Ir o contido principal

Os bosques de Galicia centran este martes un foro divulgativo en Becerreá, a cargo de Antonio Rigueiro

O catedrático do Departamento de Produción Vexetal da USC profesor na Escola Politécnica Superior do campus de Lugo Antonio Rigueiro Rodríguez guiará este martes en Becerreá unha xornada de divulgación científica, cuxa temática xirará arredor dos bosques de Galicia

A intervención de Rigueiro Rodríguez encádrase no marco das xornadas de divulgación científica A conservación do medio natural, tarefa común, organizadas pola Universidade de Santiago de Compostela en colaboración con Turismo de Galicia, a través do programa do VIII Centenario da peregrinación de San Francisco a Compostela. Rodríguez Rigueiro, que estará acompañado en Becerreá de Esther Fernández Núñez, investigadora e colaboradora do Grupo de Sistemas Silvopastorais da USC, ofrecerá dúas charlas divulgativas sobre os bosques galegos en quenda de mañá e tarde, dúas sesións que estarán moderadas pola xornalista Tamara Raposo Injerto. A sesión matinal desenvolverase a partir das 11.40 horas no IES Becerreá e estará dirixida ao estudantado de ensino secundario deste centro educativo. Xa en quenda de tarde, a Casa da Cultura de Becerreá acubillará, a partir das 20.15 horas, outra sesión coa mesma temática e os mesmos relatores, que será aberta ao público interesado.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 27.10.2014.