Ir o contido principal

Bota a andar a 18 promoción do programa de estímulo matemático Estalmat-Galicia

Foto de grupo da 18ª promoción de Estalmat-Galicia con autoridades e persoas colaboradoras. Foto: Santi Alvite
Foto de grupo da 18ª promoción de Estalmat-Galicia con autoridades e persoas colaboradoras. Foto: Santi Alvite
Nove alumnas e 16 alumnos participarán en actividades matemáticas na facultade compostelá nas mañás de 20 sábados
Santiago de Compostela

Nove alumnas e 16 alumnos de entre 12 e 13 anos participarán cada sábado do curso académico no Programa ESTALMAT-Galicia que hoxe deu comezo na Facultade de Matemáticas. Esta iniciativa, que vai xa pola súa décimo oitava edición, busca estimular o talento matemático das rapazas e rapaces con sesións presenciais no centro compostelá.

O grupo de estalmateiras e estalmateiras participou este sábado xunto coas súas familias na apertura do curso, que presidiu a vicerreitora de Política Científica da USC, Pilar Bermejo Barrera, e na que participaron tamén o decano da Facultade, Alberto Cabada Fernández; a presidenta do Programa, Elena Vázquez Cendón; a directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo Queijo; a deputada de Política Social, Educación e Mocidade da Deputación da Coruña, Mª del Mar García Vidal;  e Carlos Vaquero Cervino, docente de matemáticas en secundaria no IES de Coruxo en representación do profesorado que motiva o alumnado a presentarse ás probas. A presentación da 18ª promoción correspóndelle á coordinadora das familias de ESTALMAT-Galicia, Mª Trinidad Pérez López, do IES Antón Fraguas.  

Logo da apertura, o alumnado marchou a un campamento matemático no Albergue de Ecoturismo Alvarella-Concello de Vilarmaior na Coruña con actividades con omnipoliedros, construción de cúpulas de Leonardo, un concurso de fotografía matemática, paseos matemáticos e puzles; unha oportunidade para coñecer tamén a experiencia de estudantes que xa pasaron polo programa. Acompañan o grupo os docentes do programa Mª Trinidad Pérez López, Gonzalo Castiñeira Veiga e Víctor Pollán Fernández, ademais de Álvaro Carros Viqueira, Tomás García Barreiro e Artur Vázquez Rego compoñentes da 9ª Promoción ESTALMAT-Galicia.

Miles de participantes

ESTALMAT-Galicia ten examinado a máis de 5.000 estudantes, dos que seleccionou 551 -146 estalmateiras e 305 estalmateiros- para incorporar ás súas actividades. Na proba deste ano, realizada o pasado mes de xuño, participaron un total de 125 estudantes de toda Galicia, 43 nenas e 82 nenos, sendo o reparto por provincias: 68 da Coruña, 4 de Lugo, 17 de Ourense e 36 de Pontevedra. Da nova promoción que comeza o sábado, 14 pertencen a provincia dá Coruña, 1 a de Ourense e 10 a de Pontevedra, representando a 13 Concellos de Galicia.

Aos 25 novos hai que lle sumar tamén 26 alumnos e alumnas da 17 promoción que están no segundo curso e 23 da promoción 16.

Estalmat-Galicia

O Proxecto ESTALMAT-Galicia está pilotado por membros da Facultade de Matemáticas da Universidade de Santiago de Compostela  e de distintos centros de ensino secundario de Galicia, contando con profesorado das tres universidades galegas.

Durante o curso, os estudantes seguirán o programa de estímulo do talento matemático baixo as directrices do Proxecto ESTALMAT-España, que desde o ano 1998 existe en distintas comunidades como Madrid, Cataluña, Castela e León, Castela-A Mancha, Andalucía, Canarias, Valencia, Cantabria, Illas Baleares, Asturias e Estremadura. As actividades de primeiro será todas presenciais e terán lugar na Facultade de Matemáticas nas mañás de 20 sábados.

Dispón dun financiamento específico da Consellería de Educación, Ciencia, Formación Profesional e Universidades e da Axencia Galega de Innovación da Xunta de Galicia, e tamén facilita material a Secretaría Xeral da Lingua e a Dirección Xeral de Promoción da Igualdade. Ao patrocinio súmanse as Deputacións da Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra, e o Concello de Ames. Desde finais do curso pasado Estalmat-Galicia forma parte do proxecto SUMO Valor da USC, desde o que xa achegaron as empresas DXC Technology (desde o seu Centro de Excelencia para iniciativas de Datos e Inteligencia Artificial para España y Portugal, con sede en Santiago) e o Centro de Investigación Mestrelab.

O programa, avalado pola Real Academia de Ciencias Exactas, Físicas y Naturales de España, conta co apoio da USC, da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, a Axencia Galega de Innovación e das Deputacións da Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra e o Concello de Ames. 
 

Orla da 18 promoción de Estalmat-Galicia
Orla da 18 promoción de Estalmat-Galicia
Os contidos desta páxina actualizáronse o 04.10.2025.