Ir o contido principal

Bota a andar a Cátedra Institucional en Patrimonio Cultural Dixital

A Cátedra focalízase no acervo patrimonial e cultural da eurorrexión SOE. FOTO: Santi Alvite
A Cátedra focalízase no acervo patrimonial e cultural da eurorrexión SOE. FOTO: Santi Alvite
A Cátedra na que participa a USC a través de CRUSOE nace coa finalidade de fomentar a docencia, a investigación e difusión dos coñecementos no ámbito do Patrimonio Cultural Dixital
Santiago de Compostela

A Conferencia de Reitores das Universidades e Institutos Politécnicos do Suroeste Europeo (CRUSOE), constituída polas universidades de Galicia, Castela-León, Asturias, Cantabria, así como as rexións norte e centro de Portugal, participa na creación da Cátedra Institucional en Patrimonio Cultural Dixital que foi presentada este xoves nun acto institucional que contou coa participación do reitor Antonio López. No acto tamén participou o conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, Román Rodríguez, xa que a Cátedra é froito da colaboración público-privada entre CRUSOE, Xunta de Galicia e NTT DATA.

A Cátedra nace coa finalidade de fomentar a docencia, a investigación e difusión dos coñecementos no ámbito do Patrimonio Cultural Dixital. Focalízase no acervo patrimonial e cultural da eurorrexión SOE, unha referencia de ámbito mundial con varias cidades e lugares recoñecidos como Patrimonio da Humanidade pola UNESCO. “A iso cabe sumar a riqueza de museos, arquivos e bibliotecas, cuxos fondos e activos cunha casuística propia en canto á transición dixital, atesouran un importante potencial de xeración de recursos vinculado aos novos modelos da economía dixital”, explicaron os promotores da iniciativa.

Así mesmo, a Cátedra servirá como instrumento para favorecer a colaboración entre persoal investigador, profesorado e profesionais de renome internacional, tanto cos das institucións pertencentes a CRUSOE, como con aqueles pertencentes ao sector público e privado vinculados aos diferentes ámbitos e áreas de impacto e interese no Patrimonio Cultural Dixital.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 09.03.2023.