Ir o contido principal

Bota a andar a Colección de Vídeos Didácticos da USC

De esquerda a dereita, Ana Otero Casal, Manuel Núñez Singala e Roberto Blanco Valdés. Foto: Servimav-USC
De esquerda a dereita, Ana Otero Casal, Manuel Núñez Singala e Roberto Blanco Valdés. Foto: Servimav-USC

A natureza ondulatoria da luz, que é unha constitución, illando a diversidade ou os ósos están vivos. Estes son algúns dos títulos cos que bota a andar a Colección de Vídeos Didácticos da USC, unha iniciativa do Servizo de Normalización Lingüística da Universidade compostelá que pretende colectar unha serie de pezas audiovisuais útiles para a docencia e a divulgación ao tempo que crear novas oportunidades de comunicación para o profesorado e o alumnado universitario. Na actualidade, a colección conta cunha ducia de vídeos, cunha duración media de entre 8 e 10 minutos, ademais doutros en etapa de produción. Esta é unha actividade aberta a todas as áreas de coñecemento que seguirá medrando en datas próximas con novas incorporacións.

A colección presentouse nun encontro cos medios de comunicación no que interviñeron o director do Servizo de Normalización Lingüística da USC, Manuel Núñez Singala, e os docentes e autores de dous dos primeiros vídeos incorporados á colección Roberto Blanco Valdés e Ana Otero Casal. Manuel Núñez enumerou algúns dos aspectos que achegan valor engadido á Colección, como son o propio carácter repetible dos vídeos, a súa permanente dispoñibilidade a través da rede e o poder de difusión do formato audiovisual. Máis alá do formato, o responsable do Servizo de Normalización Lingüística resaltou que outro dos puntos fortes da colección atópase no rigor e no aval científico de cada docente e investigador/a que colabora no desenvolvemento da colección.

A transmisión do coñecemento en formato vídeo permite cambiar o xeito de ensinar, afirmou Ana Otero Casal quen destacou o valor dos novos soportes de información xa que, na súa opinión, “non podemos pechar os ollos a como se adquire e transmite a información”. Fronte a décadas pasadas, “a información agora está accesible de xeito que a función docente ten que ser distinta. Agora temos máis liberdade e podemos traballar para fomentar o espírito crítico do alumnado, debater e buscar exemplos”. Tamén Roberto Blanco Valdés louvou o carácter pioneiro da proposta do Servizo de Normalización Lingüística e subliñou a posta en valor que permite “dunha masa crítica excepcional, de altísimo valor”. O catedrático de Dereito cualificou as pezas da Colección como “un instrumento excepcional que oferta en galego material de alta calidade”.

Esta iniciativa xunta no seus obxectivos a posta en valor do saber e do talento científicos coa promoción da lingua galega na docencia virtual e preséntase como un soporte de comunicación que trata de espallar o coñecemento máis alá das aulas e dos laboratorios universitarios para achegarse tanto ao alumnado como ao posible público interesado nas temáticas propostas. Como explicaron na presentación ao medios de comunicación, os contidos xa dispoñibles na web permiten mostrar o talento ao servizo da sociedade que se pode atopar na Universidade para que non quede recluído nas aulas. Esta Colección retorna para un público interesado coñecemento con vocación didáctica disposto a ser consumido en múltiples soportes.

Á oferta inicial de pezas audiovisuais xa producidas, o Servizo de Normalización agarda ir incorporando paulatinamente novas propostas de todas ás áreas de coñecemento na que os seus protagonistas son docentes e persoal investigador tanto de longa traxectoria na institución académica compostelá como os/as que se atopan nas primeiras etapas da carreira universitaria, xa sexan do Campus de Lugo como do de Santiago.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 20.03.2018.