Bota a andar unha nova edición do Programa de Innovación AKADEMIA para alumnado da USC

Uninova está a colaborar coa Fundación Innovación Bankinter nunha nova edición do Programa de Innovación AKADEMIA para alumnado da Universidade de Santiago de Compostela. Nesta edición, tal e como xa sucedeu o ano pasado, a actividade desenvolverase en liña a través de tres convocatorias distintas para intentar adaptarse mellor aos distintos horarios do estudantado e ofrecendo a oportunidade de integración en grupos formados por persoas procedentes de todas as universidades participantes: USC, Politècnica de València, Universidade de Loyola, a Universidade de Murcia e o Instituto de Estudios Bursátiles (IEB). A participación terá carácter gratuíto para o alumnado da USC.
A metodoloxía docente consta de oito sesións en directo dunha hora impartidas por un total de doce persoas expertas. Innovación, enerxía, telecomunicacións, team work, big data, algoritmos ou mundo cuántico serán algunhas das cuestións abordadas nas diversas accións formativas. O primeiro dos tres prazos de inscrición remata este venres 30 de setembro. Os detalles da convocatoria poden consultarse nesta ligazón.