Ir o contido principal

Bota a andar o V Encontro de Emprendedoras do Programa Emega

De esquerda a dereita, Eva López Barrio, María Jesús Lorenzana e Luis Otero. FOTO: Xunta de Galicia
De esquerda a dereita, Eva López Barrio, María Jesús Lorenzana e Luis Otero. FOTO: Xunta de Galicia
Entrevistas con mulleres referentes do tecido empresarial galego, conferencias, actividades de formación en liña para emprendedoras e unha feira expositiva de proxectos empresarias conforman o programa deste encontro
Lugo, Santiago de Compostela

O V Encontro de Emprendoras de Emega, no que a USC colabora coa Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia, volve reunir varias edicións de mulleres beneficiarias das axudas do programa, que desenvolven a súa actividade en diferentes sectores empresariais, co obxectivo estreitecer e consolidar a súa rede de relacións, propiciar o desenvolvemento de novos proxectos empresariais e servir de inspiración ao xurdimento de novas iniciativas lideradas por mulleres. 

A sesión de apertura do encontro, desenvolvida este luns nas instalacións da Escola Galega de Administración Pública (EGAP), contou coas intervencións do delegado do reitor para a Transferencia e o Emprendemento da USC, Luis Otero González, a conselleira de Promoción do Emprego e a Igualdade da Xunta de Galicia, María Jesús Lorenzana Somoza, e da directora do proxecto Woman Emprende, Eva López Barrio. 

Luis Otero salientou o bo encaixe deste programa coas liñas de traballo da USC  “a prol da promoción da igualdade, o emprendemento feminino, o desenvolvemento rural e a conciliación persoal, familiar e laboral” e puxo en valor a oportunidade que o encontro ofrece cara ao tecido relacións entre emprendedoras “un elemento clave para o éxito dos negocios, que pode chegar a incrementar as vendas un 50%, reducir os custos nun 25%, e incrementar a eficiencia nun 34%”, co que animou as participantes a sacar proveito desta nova xuntanza.

A conselleira da Promoción do Emprego e a Igualdade da Xunta de Galicia, María Jesús Lorenzana Somoza, incidiu nas boas cifras que o emprendemento feminino está a ter na comunidade autónoma e remarcou o esforzo por “crear este espazo de unión entre todas as participantes beneficiarias do programa Emega, un espazo no que exista traslado de coñecementos, das problemáticas enfrontadas e de formación”. Lorenzana lembrou ás asistentes que serven “de impulso e inspiración a novas xeracións de emprendedoras”, demostrando que “con cabeza, con valentía, e con intelixencia, se pode crear novos proxectos empresariais, vivir deles e crear máis emprego”. 

O remate do acto de inauguración deu paso a unha conversa  arredor do ‘Emprendemento no rural innovador, sostible e con alto valor engadido’, entre Covadonga Toca Carús, secretaria xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, e Ángeles González Rodríguez, directora executiva de Shiitake Trives.

A xornada continuou coa presentación do ‘Informe GEM: Emprendemento feminino en Galicia’ por parte de Isabel Neira,  e coa apertura da Feira expositiva das empresas beneficiarias das axudas presentadas, que serviu para coñecer cada un dos proxectos  empresariais da man das súas responsables. 

A sesión de clausura do encontro contou coa participación da delegada do reitor para a Igualdade na USC, Marta Pérez Pereiro, e da Secretaria Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia, Susana López Abella. Marta Pérez Pereiro incidiu no labor que o programa exerce cara á superación dun momento económico moi complexo que, “coma sempre nas crises, afecta máis as mulleres” e animou as participantes a tomalo como estímulo para “traballar en novos proxectos máis igualitarios, equitativos e sostibles”.

Sesións formativas de balde para emprendedoras

O V Encontro de Emprendedoras do Programa Emega continúa ao longo desta semana con  sesións de formación en liña para as emprendedoras que se estenderán do martes 13 ao venres 16 de decembro en horario de 14 a 16 horas.  Baixo o título 'Oratoria. Conecta coa túa audiencia offline e en liña' e impartidas por Mar Castro, doutora en Comunicación pola Universidade de Vigo, estas sesións afondarán en estratexias para o desenvolvemento de relacións de confianza e relacións estables coa audiencia e na xestión óptima da marca persoal profesional. 

O Programa Emega

O programa Emega comprende axudas dirixidas a apoiar a posta en marcha, a mellora e a activación de iniciativas empresariais constituídas por mulleres. Tamén medidas complementarias para favorecer a conciliación da vida persoal, familiar e laboral, así como o acceso a servizos específicos de información, asesoramento e orientación empresarial co obxecto de facilitar a implantación e consolidación dos proxectos. Estes servizos de asesoramento son realizados por persoal técnico do Programa Woman Emprende da Universidade de Santiago de Compostela. 

En 2022, beneficiou 346 mulleres emprendedoras en Galicia (105 na provincia da Coruña, 57 na de Lugo, 67 na de Ourense e 117 na de Pontevedra), e favoreceu a consolidación de 619 empregos na comunidade (208 na provincia Coruña, 92 na de Lugo, 115 na de Ourense e 204 na de Pontevedra). 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 12.12.2022.