Ir o contido principal

Bota a andar ‘FOTO-termos’, o primeiro certame de fotografía en Twitter sobre terminoloxía galega

Cartel do certame
Cartel do certame
Para participar no concurso, cómpre responder aos chíos do perfil oficial da Facultade de Xeografía e Historia da USC nesta rede, a través dos cales diariamente publicarán tres termos en galego, achegando imaxes propias ou tiradas de Internet
Santiago de Compostela

A Comisión de Normalización Lingüística (CNL) da Facultade de Xeografía e Historia da USC impulsa ‘FOTO-termos’, un concurso aberto a todo o alumnado da USC, co obxectivo de divulgar a terminoloxía en galego das tres titulacións que se imparten do centro e que xiran entorno á Arte, Historia e Xeografía. A CNL lanzará cada día lectivo e ata o 15 de xuño, o reto de achegar fotos para algún dos tres termos que propoña, un por cada titulación. “Se xa resulta novidoso o concepto do concurso, máis rachante é a canle de participación, unha rede social, Twitter”, apuntan dende a organización.

Para participar no certame, cómpre responder aos chíos do perfil da Facultade nesta rede, a través dos cales diariamente publicarán tres termos en galego, achegando fotografías propias ou tiradas de Internet mais coa debida licenza Creative Commons que autorice á súa utilización libre de dereitos para ilustrar eses termos. As persoas participantes poderán achegar tantas imaxes como queiran a cada un deses chíos, se ben cada resposta debe conter unha única imaxe coa súa breve identificación. Igualmente poderán responder a tantos chíos como prefiran. Asemade, é posible achegar tanto imaxes da súa autoría como imaxes con licenza Creative Commons.

“Deste xeito, ademais de dar a coñecer terminoloxía en galego, estimúlase a creatividade do alumnado”, apuntan dende a organización. “Co conxunto de termos e imaxes poderase crear un banco axustado á terminoloxía en galego que se emprega nos estudos impartidos na Facultade, razón pola cal as imaxes que se acheguen deben ter unha boa calidade; onda non, serán desbotadas e non formarán parte do concurso”, continúan. Concederanse tres galardóns de 200, 150 e 100 euros, en cada unha das modalidades, isto é, fotos propias e fotos de Internet, sempre acompañados de cadanseu diploma acreditativo.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 15.03.2021.