Ir o contido principal

Bota a andar o II Plan estratéxico de igualdade de oportunidades entre mulleres e homes da USC para o período 2014-2018

Foto SERVIMAV-USC
Foto SERVIMAV-USC
Presentouse este xoves en Ciencias Económicas e Empresariais para responsables de centros de Santiago e Lugo

O II Plan estratéxico de igualdade de oportunidades entre mulleres e homes da USC para o período 2014-2018 comezará de inmediato a súa vixencia, tomando o relevo do primeiro plan executado pola institución docente cuxa incidencia supuxo a incorporación da transversalidade de xénero na acción diaria da USC, contribuíndo á visibilización do sexismo, a sensibilización e a creación dun estado de opinión consciente das desigualdade de xénero. A vicerreitora de Calidade e Responsabilidade Social, Benita Silva, e a coordinadora da Oficina de Igualdade de Xénero, Eva Aguayo, presentaron este xoves 23 a responsables de centros dos Campus de Santiago e Lugo as particularidades do II Plan de igualdade de oportunidades. Entre as súas principais novidades atópanse a proposta para a creación de comisións de xénero nos centros, a creación dunha área específica para a formación, docencia e investigación ou a elaboración e implementación dun protocolo de acoso sexual no ámbito universitario. O novo documento formula a necesidade de que a Comisión de Implantación e Seguimento do Plan de Igualdade conte co apoio de comisións de xénero establecidas nos distintos centros docentes da universidade e asignando competencias para o fomento da igualdade a algúns postos xa existentes nas distintas unidades. Ademais, traballarase na creación dunha área específica para formación, docencia e investigación ante a importancia da formación en xénero como vía para avanzar na implicación de toda a comunidade universitaria coa súa transversalidade e impulsar a introdución da perspectiva de xénero na docencia e a investigación. Como se puxo de manifesto na presentación ante responsables de centros, os obxectivos desta área están vinculados ao papel fundamental da universidade como transmisora e formadora en valores como a igualdade de oportunidades. Por outra banda, con este segundo Plan de igualdade a USC comprométese coa elaboración e implantación dun protocolo de acoso sexual e por razón de sexo no ámbito universitario, que garanta plenamente un espazo de protección e seguridade para calquera membro da comunidade universitaria. No seu conxunto, o Plan contén nove obxectivos xerais, 24 obxectivos específicos e 75 accións, organizados arredor de seis áreas temáticas diferenciadas que prestan atención ás políticas da USC; formación, docencia e investigación; presenza, promoción e representación; conciliación e corresponsabilidade; acoso e actitudes sexistas; e condicións sociosanitarias no traballo. Os obxectivo xerais fixados buscan facer visible o compromiso institucional coa igualdade entre mulleres e homes; implicar á comunidade universitaria coa transversalidade de xénero; promover a introdución da perspectiva de xénero na docencia e na investigación, a igualdade de oportunidades na traxectoria laboral do persoal e a igualdade e o equilibrio na presenza entre alumnas e alumnos nas titulacións da USC; ou garantir a participación e a representación equilibrada nos diferentes órganos e niveis de toma de decisións. Completando este cadro de obxectivos xerais, o conxunto de accións propostas aspiran a facer valer o dereito á conciliación e a fomentar a corresponsabilidade; combater o sexismo, a discriminación e as situacións de acoso na USC; e incorporar a perspectiva de xénero na prevención dos riscos laborais. Como lembraron a vicerreitora Benita Silva e a coordinadora da Oficina de Igualdade Eva Aguayo na presentación en Ciencias Económicas Empresariais, o logro da igualdade real “non depende só dun marco normativo favorable senón que require, ante todo, de vontade, do compromiso de todo e todas”. O compromiso formulado a través deste conxunto de accións baséase “no convencemento de que a igualdade non é só algo máis xusto senón que ademais implica unha maior calidade de vida e de traballo para os homes e mulleres que formamos parte desta institución”, sinalou a vicerreitora. Este segundo Plan de Igualdade permite a USC manter unha posición activa e destacada na promoción da igualdade de xénero no espazo universitario español, onde o novo documento permite continuar unha traxectoria iniciada anos antes, cando a USC foi a primeira universidade do estado con maior número de alumnas e unhas das primeiras en crear unha Oficina de Igualdade de Xénero como estrutura dinamizadora das políticas de igualade da institución.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 23.01.2014.