Bota a andar o IV Curso de Formación para Informadores de Oficinas de Turismo e Guías do CETUR
Cunha carga lectiva de 50 horas, o Centro de Estudos e Investigación Turística da USC (CETUR) organiza o IV Curso de Formación para Informadores de Oficinas de Turismo e Guías que se desenvolverá os xoves e venres en horario de 16.00 a 21.00 horas na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais ata o próximo día 22 de marzo. A visión de Galicia a través do cinema é o denominador común da xornada inaugural, este xoves 1 de marzo, que arrancará coa intervención do CETUR, Xosé Manuel Santos Solla, a partir das 16.30 horas. Seguiralle na quenda de intervencións Julio Vilariño Cabezas, do Cineclube de Compostela. Esta primeira completarase coa proxección de ‘París’ de Óliver Laxe ao que lle seguirá o seu posterior debate. O venres 2 de marzo será a quenda de analizar as relacións entre literatura e paisaxe. O programa contempla unha ampla programación teórica na que se prestará atención á visión de Galicia proxectada a través do cinema ou ás relacións entre literatura e paisaxe na comunidade. Os museos galegos e a súa relación co turismo e as paisaxes naturais son outros dos argumentos aos que atenderá o curso, no que tamén haberá espazo para as novas tecnoloxías aplicadas ao turismo, a eno-gastronomía e a interpretación da vida mariñeira e das paisaxes rurais. As persoas inscritas recibirán o correspondente certificado de asistencia, homologado pola Xunta de Galicia, para o que é obrigatorio asistir como mínimo ao 80% das horas programadas.