Ir o contido principal

Bota a andar o IX Concurso de Cultura Clásica Odisea, promovido pola sección galega da Sociedade Española de Estudos Clásicos

A primeira fase local do certame, no que participan 2.700 estudantes de ESO e BAC, desenvolverase ata o 6 de febreiro e os temas serán sobre o teatro en Grecia e Roma

A sección galega da Sociedade Española de Estudos Clásicos, presidida pola profesora do Departamento de Latín e Grego da Universidade de Santiago de Compostela, Cecilia Criado, e de cuxa directiva tamén é membro a profesora da USC Teresa Amado, vén de poñer en marcha a novena edición do concurso de cultura clásica ‘Odisea’.

A fase local deste certame, nacido en Galicia hai xa oito anos, e dirixido a estudantes de secundaria e Bacharelato, desenvolverase ata o xoves, 6 de febreiro. A temática sobre a que versarán as distintas preguntas formuladas ao abeiro deste concurso en liña estará relacionada co teatro en Grecia e en Roma. Os promotores desta nova edición do concurso de cultura clásica Odisea agardan a participación duns 2.700 estudantes de maís de 180 centros de ensino de Galicia, Valencia, Cataluña, Aragón, Valladolid e Salamanca. As bases e o calendario deste concurso en liña están dispoñibles no enderezo electrónico http://odiseaconcurso.weebly.com. As persoas que tomen parte neste certame estarán agrupadas en equipos, que baixo a supervisión dun profesor, deberán responder a través de internet varias quendas de preguntas sobre o currículo de Cultura Clásica, Latín e Grego. As distintas competicións locais rematarán o vindeiro xoves 6 de febreiro e a data para dirimir posibles desempates quedou fixada para o 12 de febreiro, mentres que o desempate na fase nacional será o día 19 deste mes, segundo informan os organizadores do concurso. Cada unha das sedes inscritas para tomar parte neste concurso sobre cultura clásica establece os seus propios premios para os gañadores das distintas fases locais. O equipo que obteña a maior puntuación na fase nacional levará como premio unha gratificación en metálico de 500 euros.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 04.02.2014.