Ir o contido principal

Bota a andar o ‘Módulo de orientación laboral para o fomento da empregabilidade’

O emprendemento será asemade outro dos aspectos abordados no curso. FOTO: Santi Alvite
O emprendemento será asemade outro dos aspectos abordados no curso. FOTO: Santi Alvite
Esta actividade en liña afondará na adquisición de competencias transversais que permitan ao alumnado desenvolver o seu talento para facilitarlle o acceso ao mercado laboral
Lugo, Santiago de Compostela

A Área de Orientación Laboral e Emprego da USC pon en marcha un ‘Módulo de orientación laboral para o fomento da empregabilidade’ co que pretende profundar na adquisición de competencias transversais que permitan ao alumnado desenvolver o seu talento. O obxectivo desta iniciativa que se desenvolverá en liña é proporcionar coñecementos e habilidades que favorezan o acceso ao mercado laboral.

Este módulo diríxese a alumnado de diferentes centros da USC pero adaptarase ás necesidades específicas de cada área de coñecemento. Así, o módulo dirixido a alumnado de Química e Enxeñería Química ou de máster destes ámbitos, desenvolverase entre o 2 de febreiro e o 2 de marzo. O curso centrado nos estudantes de Historia, Xeografía e Historia da Arte, ou de máster destes eidos, terá lugar entre o 5 de febreiro e o 23 de abril. Finalmente, o módulo sobre Administración e Dirección de Empresas desenvolverase entre o 10 de febreiro e o 7 de abril. O prazo de matrícula está aberto a través da Secretaría Virtual.  

Programa

Proxectar a mellor versión dun mesmo, procurar alternativas e saídas profesionais ou buscar oportunidades de prácticas serán algunhas das cuestións abordadas no módulo. Alén de saber elaborar un currículo e carta de presentación ou desenvolver a marca persoal, este módulo preparará ao alumnado para afrontar os procesos de selección. O emprendemento será asemade outro dos aspectos abordados no curso.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 26.01.2021.