Ir o contido principal

Bota a andar a oitava edición de BIOARGOS21

Este programa premiará con 3.000 euros aos proxectos gañadores
Este programa premiará con 3.000 euros aos proxectos gañadores
As persoas participantes déronse cita no Pavillón Universitario da USC para participar na Escape Room ‘O Gran Reto do Emprendedor’
Santiago de Compostela

O programa BIOARGOS21, iniciativa integrada dentro do proxecto  BioIncuBatech e que está liderada pola USC a través da área de Valorización, Transferencia e Emprendemento (AVTE) acaba de botar a andar a súa oitava edición. As persoas participantes nas convocatorias relativas a Bio-Saúde e Tecnoloxías Agroalimentarias, déronse cita no Pavillón Universitario da USC para participar na Escape Room ‘O Gran Reto do Emprendedor’.

Esta actividade tiña como obxectivo adestrar a estudantes e investigadores en mellorar as súas habilidades de traballo en equipo e favorecer o  networking entre eles. Para iso os participantes distribuíronse en varios equipos multidisciplinares que traballaron xuntos en superar diferentes probas baseadas nas distintas “fases” ás que un emprendedor debe enfrontarse para crear a súa empresa, dende a idea á creación da empresa e a súa internacionalización.

O obxectivo do programa BIOARGOS21 é sensibilizar e adestrar a estudantes e investigadores no proceso de elaboración do plan de negocio e promover a creación de empresas na comunidade universitaria. Tomando como eixos o “traballo en equipo” e o “aprender facendo”, acompáñase aos emprendedores no proceso de definición dunha idea de negocio, avaliando a súa capacidade de chegar a un proxecto empresarial viable. 

O programa BIOARGOS21 configúrase en formato concurso. Para iso os participantes distribuiranse por equipos multidisciplinares que traballarán sobre un resultado de investigación do ámbito bio, saúde e tecnoloxías agroalimentarias, achegado pola USC ou calquera outra idea de negocio/tecnoloxía achegada polos participantes que teñan o seu propio proxecto empresarial. Os equipos competirán por ser a mellor iniciativa, polo que se valorará a capacidade de escalabilidade e viabilidade do proxecto empresarial.

Este programa premiará con 3.000 euros aos proxectos gañadores de cada unha das convocatorias integradas no programa  BIOARGOS21. Esta actuación forma parte proxecto BioIncubatech, cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional - FEDER dentro do Programa Operativo  Plurirrexional de España FEDER.  

Os contidos desta páxina actualizáronse o 19.05.2021.