Bota a andar o programa de estudos en Mancomún Ruralidades, Feminismos e Comúns

A USC a través do seu grupo de investigación HISTAGRA, os sete grupos pertencentes á rede REVOLTA, o colectivo artístico Montenoso e unha ampla rede de colaboradores –entre eles o MARCO de Vigo, o MediaLab Prado, concellos, comunidades de montes e espazos autoxestionados– únense para impulsar o pioneiro Programa de Estudos en Mancomún Ruralidades, Feminismos e Comúns.
Este programa conta con financiamento da fundación franco-española Daniel & Nina Carasso a través da convocatoria ‘Compoñer os saberes para comprender mellor os desafíos do mundo contemporáneo’, cuxo principal obxectivo é financiar colaboracións transdisciplinares entre artistas e científicos. Á convocatoria presentáronse 81 proxectos en Francia e 32 en España. Destes, un comité técnico decidiu apoiar 14 en Francia e catro en España (LABoral Centro de Arte y Creación Industrial; Hangar -Fundació privada AAVC; Museo de Arte Contemporáneo de Castilla-y-León (MUSAC); e a USC en colaboración co Colectivo Montenoso).
O proxecto presentouse este xoves no MARCO de Vigo nun acto no que participaron o catedrático de Historia Contemporánea da USC, Lourenzo Fernández Prieto; a co coordinadora do proxecto Montenoso Andrea Olmedo; e Silvia Pose e Bautista Rodriguez, técnicos da comunidade de montes de Vincios (Gondomar). Lourenzo Fernández sinalou a singularidade dos montes veciñais como exemplo a seguir noutros contextos, enfatizando a importancia “dos comúns na nosa cultura”, mentres que Andrea Olmedo explicou que o programa nace “co obxectivo de impulsar un novo espazo de intercambio e produción de coñecementos e aspira a impulsar unha comunidade de investigación e de acción” con diferentes sesións ao longo do ano que versarán sobre cuestións relacionadas coa emerxencia dos comúns, os feminismos ou novas (e e vellas) ruralidades. Pola súa banda, os técnicos de Vincios destacaron o alto impacto medioambiental destas comunidades así como a forte potencialidade dos montes veciñais en man común.
O carácter innovador da proposta radica en que o proxecto replica e traduce os mecanismos de xestión e gobernanza dos montes veciñais en man común, isto é, serán os participantes quen autoxestionen o propio programa. Eles e elas decidirán que sesións queren desenvolver, aspirando a que estas combinen diferentes metodoloxías como poden ser sociogramas, mapas conceptuais, derivas... Estes encontros desenvolveranse en Santiago de Compostela, Carballo (Friol), Vincios (Gondomar), Allariz, Vigo e Madrid, e neles participarán investigadores, activistas e artistas.
‘Mancomún Ruralidades, Feminismos e Comúns’ reivindica a capacidade da cidadanía para construír os seus propios espazos de pensamento e por este motivo é polo que se articula a través dunha rede ampla de actores, aos que hai que sumar as Comunidades de montes de Carballo en Friol e de Vincios, o Concello de Allariz e os espazos autoxestionados Casa Colorida (Nigrán) e o Alga-Lab en Vigo.
Actualmente está aberto o prazo de participación no programa, dirixido a persoas vencelladas con comunidades investigadoras, creativas, de montes veciñais que teñan interese na intersección de saberes derivados de campos como universidades, museos, colectivos ou de espazos autoxestionados.