Ir o contido principal

Bota a andar a sexta edición do Premio Luís Porteiro Garea á promoción do uso do galego na USC

Detalle do cartel da convocatoria
Detalle do cartel da convocatoria
O prazo de presentación de solicitudes esténdese ata o vindeiro 30 de abril
Lugo, Santiago de Compostela

A USC acaba de convocar a sexta edición do  Premio Luís Porteiro Garea que lembra a figura do profesor da cátedra de Dereito Civil e membro das Irmandades da Fala, Luís Porteiro Garea, quen o día 16 de setembro de 1915 pronunciou a primeira lección en galego na Universidade de que se ten constancia. Con este premio quérese distinguir a iniciativa, o traballo ou a traxectoria daquelas persoas, entidades ou colectivos, tanto actuais como pasadas da USC (alumnado, persoal de administración e servizos, persoal docente e investigador), que contribuíran á normalización da lingua galega na propia USC.  

O xurado porá en valor o emprego habitual da lingua nas actividades cotiás da universidade, especialmente cando este uso se producira de xeito pioneiro; a achega, por parte da persoa ou colectivo premiado, á promoción do idioma ou á galeguización de ámbitos ou actividades da USC; o estudo e a difusión da lingua galega; así como calquera outra intervención no proceso de normalización lingüística na USC que sexa valorada como significativa.

O premio ten carácter de distinción pública e consistirá nun elemento simbólico de tipo artístico que se lle entregará á persoa, entidade ou colectivo premiado nun acto protocolario, sen que leve aparellado ben económico ningún. O prazo para presentar propostas remata o 30 de abril de 2023. As candidaturas poderán ser propostas por calquera persoa, entidade ou colectivo. Os premios entregaranse nun acto público que se desenvolverá na USC no mes de setembro de 2023, coincidindo co aniversario da lección do profesor Porteiro Garea. 

Nas edicións anteriores do certame distinguiuse a Manuel Bermejo, Xosé Antonio Gómez Segade, Antón Costa Rico, Antonio Rigueiro e Xosé Manuel Beiras.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 14.03.2023.