Ir o contido principal

Botan a andar as obras do futuro Centro de Fabricación de Inmunoterapias de Galicia

Antonio López visitou o inicio das obras xunto ao conselleiro de Sanidade. FOTO: Santi Alvite
Antonio López visitou o inicio das obras xunto ao conselleiro de Sanidade. FOTO: Santi Alvite
A terapia CAR-T pode conseguir que o sistema inmune do paciente recupere a capacidade de recoñecer e destruír as células tumorais de maneira selectiva e sitúa a comunidade autónoma na vangarda da medicina personalizada
Santiago de Compostela

O reitor da USC Antonio López e o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, visitaron este mércores as obras do primeiro Centro de Fabricación de Inmunoterapias de Galicia. As instalacións do antigo Instituto de Ortopedia e o Banco de Tecidos Musculoesqueléticos da USC no Monte da Condesa albergarán este centro que sitúa a comunidade autónoma na vangarda da medicina personalizada. “Temos a vocación de servir a Galicia”, subliñou o reitor, “mellorando as condicións de vida e a saúde das persoas”. Para Antonio López, o papel da USC no nacemento deste novo centro baséase en “poñer os recursos ao servizo das institucións para dar o mellor á sociedade”. Neste senso, o reitor puxo o foco na importancia de “dinamizar a investigación arredor destas novas terapias”.

Ademais de Antonio López e Julio Comesaña, tomaron parte na visita Jorge Aboal Viñas, director xeral de Asistencia Sanitaria do Sergas; Rocío Mosquera Álvarez, xerente de Galaria, Empresa Pública de Servizos Sanitarios; e Sergi Pascual, responsable do proxecto que ofreceu detalles sobre a duración e as fases de execución das obras, centradas fundamentalmente na instalación e acondicionamento de salas brancas e zonas críticas de ambiente controlado como áreas de traballo adaptadas á normativa actual para a fabricación de inmunoterapias celulares avanzadas. Na visita tamén estiveron presentes o xerente da USC, Javier Ferreira, e o vicerreitor de Investigación e Innovación, Vicente Pérez Muñuzuri.

Prevese que as obras de remodelación conten cunha duración aproximada de catro meses, adecuando a instalación de salas brancas existente, de 200 metros cadrados, ao novo dimensionamento dedicado á produción de terapias celulares avanzadas. A Xunta investirá neste centro de vangarda preto de tres millóns de euros nas tarefas de reforma das salas brancas e das zonas de apoio á fabricación (laboratorios de control de calidade, salas de criopreservación, e espazos destinados a usos auxiliares e administrativos), ou na adquisición de equipamento, entre outro aspectos.

Medicina a medida 

As terapias CAR-T parten das células T. Estas células obtéñense do sangue do paciente e modifícanse xeneticamente no laboratorio, engadíndolles un receptor quimérico de antíxenos ou CAR, para, posteriormente, administrarlles as células CAR-T ao doente. Isto fai que o sistema inmune do enfermo oncolóxico poida recuperar primeiro a súa capacidade de recoñecer a célula canceríxena, para despois destruíla dun modo selectivo. Coa posta en marcha deste centro, no que se poderán producir fármacos destinados a diversas terapias celulares, a comunidade galega sitúase á vangarda da investigación e da produción de tratamentos avanzados, cuxo obxectivo é abordar diferentes patoloxías de carácter oncolóxico.

No transcurso do acto, o responsable do departamento sanitario da Xunta lembrou o seu agradecemento á USC pola súa cooperación neste proxecto de máximo nivel, que acollerá tanto o centro de fabricación de inmunoterapias celulares de Galicia, como a futura Unidade de Investigación colaborativa, na que participará conxuntamente o persoal do novo centro de inmunoterapias celulares avanzadas, grupos de investigación do sistema universitario de Galicia, ademais doutros institutos e organismos de investigación sanitaria.

Prevese que a Unidade de Investigación este creada antes de fins de 2022. Así, o seu principal obxectivo será levar a cabo proxectos de investigación que permitan o desenvolvemento de novas terapias celulares para, posteriormente, ser elaboradas no centro de fabricación e, de seguido, aplicadas nos pacientes do sistema sanitario público.

Durante os dous primeiros anos de funcionamento, agárdase poder producir entre un e dous fármacos distintos en ensaios clínicos, o que poderá supoñer unha cifra de entre 50 e 100 pacientes tratados, tomando como referencia o dimensionamento dos ensaios desenvoltos ata o momento no resto do Estado.

A este respecto, Sergas, Galaria e o Hospital Clínic de Barcelona, de referencia neste campo, sentaron as bases para desenvolver o primeiro ensaio clínico dunha terapia CAR-T para tratar cancros oncohematolóxicos, promovido dende a comunidade autónoma. O Hospital Clínico Universitario de Santiago será o primeiro centro onde se administrará esta terapia, coa idea de estender o seu uso a outros centros asistenciais galegos.

Os resultados da terapia CAR-T publicados ata o de agora evidencian unha grande efectividade deste tratamento en pacientes oncohematolóxicos, con altas cifras de remisión da enfermidade. Por medio destas terapias pódese conseguir que o sistema inmune do paciente recupere, mediante técnicas de modificación xenética, a capacidade de recoñecer e destruír de forma selectiva as células tumorais.

Na visita tamén estiveron presentes o xerente da USC, Javier Ferreira, e o vicerreitor de Investigación e Innovación, Vicente Pérez Muñuzuri. FOTO: Santi Alvite
Na visita tamén estiveron presentes o xerente da USC, Javier Ferreira, e o vicerreitor de Investigación e Innovación, Vicente Pérez Muñuzuri. FOTO: Santi Alvite
Os contidos desta páxina actualizáronse o 02.03.2022.