Ir o contido principal

Botan luz sobre a complexa composición molecular do petróleo

Estrutura dunha das moléculas modelo e a súa correspondente imaxe, obtida mediante Microscopía de Forza Atómica - AFM (/IBM Research)
Estrutura dunha das moléculas modelo e a súa correspondente imaxe, obtida mediante Microscopía de Forza Atómica - AFM (/IBM Research)

Investigadores da USC, IBM e a petroleira ExxonMobil colaboran no estudo da estrutura molecular dalgunhas fraccións pesadas do petróleo, “que continúa a ser unha incógnita pola complexidade nas mesturas e a falta de patróns e técnicas axeitadas para o estudo dalgúns dos seus compoñentes”, explica Diego Peña Gil, investigador principal do CiQUS e responsable da liña de colaboración que o centro mantén aberta co IBM Research en Suíza.

Froito desta colaboración multidisciplinar integrada por físicos (IBM) e químicos (CiQUS), en 2015 os científicos conseguían determinar a estrutura molecular dunha das fraccións máis intrigantes e problemáticas deste combustible fósil: a composta por un tipo de moléculas coñecidas como asfaltenos.

Os asfaltenos son compoñentes sólidos do petróleo que causan graves problemas na industria petrolífera ao bloquear tubaxes e canalizacións; de feito, coñéceselles como ‘o colesterol das refinerías’ (en clara alusión ao efecto que esta sustancia provoca nas nosas arterias). Consecuentemente, coñecer a estrutura molecular dos asfaltenos é clave para combater os seus efectos prexudiciais en pozos petrolíferos e refinerías.

A primeira aproximación dos investigadores en Santiago e Zúric serviu para resolver un debate clásico neste campo, valéndose para elo da técnica de Microscopía de Forza Atómica (AFM). Así, o equipo responsable do traballo de 2015 concluíu que a maioría de asfaltenos teñen un único núcleo aromático, rodeado de diferentes cadeas de átomos de carbono.

Agora, de novo un traballo conxunto do CiQUS e IBM, en colaboración coa compañía petrolífera ExxonMobil, foi un paso máis aló no estudo desta intricada mestura molecular, preparando e caracterizando a nivel atómico moléculas modelo de asfaltenos, con diferentes cadeas de carbono na súa periferia.

Os resultados facilitaron a análise de mostras naturais de asfaltenos mediante a comparación con estas novas moléculas modelo, o que permitirá dispoñer dun maior coñecemento sobre a estrutura real do petróleo. Un avance que, como recoñece a propio Peña Gil, “posiblemente terá importantes implicacións na industria do petróleo, tanto á hora da súa extracción como durante o proceso de refino”.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 24.01.2017.