Botou a andar na USC o proxecto EMUNDUS 18 de mobilidade internacional
A USC reúne este luns 21 e o martes 22 aos representantes das universidades da República Checa, Bélxica, Francia, Portugal, Italia, Alemaña, Arxentina, Bolivia, Perú e España implicadas no desenvolvemento do proxecto EMUNDUS 18 de mobilidade internacional que coordina a propia institución compostelá.
O proxecto EMUNDUS18 é unha das tres propostas aprobadas pola Axencia Executiva en materia de Educación, Audiovisual e Cultura para o lote 18 (Arxentina, Bolivia e Perú) que posibilitará 157 mobilidades individuais financiadas pola Comisión Europea con 3.189.775 euros. Do total, 137 axudas destinaranse a beneficiarios de Arxentina, Bolivia e Perú que cursarán estudos de grao e, especialmente, de máster e doutoramento en Europa, mentres que as restantes dirixiranse a mobilidades cara algunha das universidades sudamericanas do consorcio.
A xuntanza coa que bota a andar esta iniciativa internacional inaugúrase este mesmo luns 21 ás 15:00 horas no Salón Nobre do Colexio de Fonseca, cun acto de presentación no que estarán presentes os vicerreitores de Política Internacional e de Profesorado e Organización Académica, Agustín Merino e Juan Viaño, respectivamente, e o director da Oficina de Relacións Exteriores, Enrique López Veloso. Deseguido, Agustín Merino realizará unha presentación das principais particularidades de EMUNDUS 18 ao que lle seguirán unha presentación xeral das nove universidades europeas implicadas. A esta sesión asisten, ademais dos representantes universitarios, o cónsul xeral de Arxentina, Roberto Budiño, e o cónsul honorario de Bolivia, Manuel Martínez Randulfe.
Xa o martes 22 será a quenda de presentación das institucións latinoamericanas, tres de Arxentina, catro de Bolivia e outras tantas de Perú. O resto da xornada completarase cun seminario para os responsables do desenvolvemento do proxecto no que se detallarán as características técnicas da convocatoria.
Oportunidades de cooperaciónO desenvolvemento destes proxectos contribuirá a reforzar as estruturas das universidades participantes e supón unha oportunidade para actualizar os estudos e o persoal universitario. A ampla variedade de disciplinas incluídas no proxecto converte a esta iniciativa nunha “excelente oportunidade para estreitar os vínculos culturais e socio-económicos de Galicia cos países presentes”, apuntan os promotores da iniciativa.
Universidades participantesNa xuntanza estarán representadas, por parte de Bolivia, as universidades Mayor de San Andrés, Autónoma de Tomás Frías, de San Francisco Javier de Chuquisaca e a Técnica de Oruro. De Perú, asisten representantes da Nacional de Huancavelica, Nacional de San Antonio Abad de Cusco, Nacional de San Cristobal de Huamanga e da Nacional da Amazonía. Procedentes de Arxentina, asistirán responsables das universidades de Nordeste, Formosa e Nacional de Tucumán.
As universidades europeas participantes son a Pública de Navarra; a Hogeschol Brussel de Bélxica; a alemá de Göttingen; Sorbonne Nouvelle Paris 3 e a de Nantes, por parte de Francia; a universidade Studi di Napoli Federico II de Italia; a de Minho de Portugal; e a Masarykova Univerzita da República Checa.
Unha das novidades destes programas é a participación de entidades que aseguran o aproveitamento da formación e a transferencia de resultados como a alianza estratéxica UNMSM-UNI-UNALM, da Rede Peruana de Universidades, o Zicosur Universitario, a Rede de Departamentos de Relacións Internacionais do Sistema Universitario de Bolivia, o Grupo de Universidades do Norte Grande Arxentino e Universia.
Á cabeza en EuropaA concesión á USC, en calidade de coordinadora, deste e doutros dous proxectos máis do programa Erasmus Mundus–External Cooperation Windows con América Latina sitúaa entre as primeiras universidades europeas en mobilidade e cooperación internacional. Unicamente outras dúas universidades europeas coordinan tantos proxectos como a compostelá, do total de 40 proxectos vixentes desta edición do prestixioso programa de mobilidade. O financiamento da UE para estes tres proxectos supera os once millóns de euros anuais, que van destinados a bolsas de manutención e desprazamento.
Ademais, a universidade compostelá participa en proxectos do programa europeo TEMPUS (nun como entidade coordinadora e en calidade de socia noutros tres), centrados na mellora das estruturas universitarias de países en desenvolvemento do norte de África e Asia.
A USC tamén participa anualmente en máis de vinte proxectos de cooperación do programa PCI da AECID e recibe anualmente a máis de 400 estudantes de países de América Latina para complementar a súa formación. Actualmente, corenta persoas destes países ingresan na institución compostelá para facer o seu doutoramento en AECID.