Ir o contido principal

O buque oceanográfico Sarmiento de Gamboa abre as súas portas aos estudantes de Bioloxía

Os alumnos dos dous últimos cursos das licenciaturas de Bioloxía e Ciencias do Mar teñen de prazo ata ás 14:00 horas deste venres, día 30, para inscribirse nun programa de actividades de formación a bordo do barco oceanográfico Sarmiento de Gamboa.
Os alumnos que decidan participar realizarán prácticas en augas oceánicas e fondos profundos adxacentes á Ría de Vigo, porto base do barco. A actividade desenvolverase en catro campañas, cada unha de catro días de duración, entre os días 10 e 25 de febreiro.
En cada unha das campañas atenderanse temáticas distintas, comezando coa oceanografía física, química e biolóxica da columna de auga e seguindo coa biolóxica e xeolóxica dos fondos da plataforma continental, cantil e planicie abisal.
Impartida por seis profesores de diferentes especialidades das tres universidades galegas e entre os que se atopan docentes da Estación de Bioloxía Mariña da Graña, o obxectivo da iniciativa é introducir aos alumnos nas metodoloxías empregadas habitualmente a bordo de buques oceanográficos para os estudos de oceanografía física, química, xeolóxica e biolóxica nos ámbitos peláxico e bentónico.
As persoas interesadas poden dirixirse á Dirección Xeral de I+D+i (r/ dos Feáns 7, local C).

Os contidos desta páxina actualizáronse o 29.01.2009.