Ir o contido principal

Buscan en Lugo métodos de teledetección que permitan a mellora da xestión forestal e do territorio

O congreso desenvolverase ata o 10 de setembro na Facultade de Veterinaria
O congreso desenvolverase ata o 10 de setembro na Facultade de Veterinaria

Baixo o epígrafe ‘Operational tools in forestry using remote sensing techniques’, especialistas de máis de 30 países reúnense en Lugo no congreso ForestSAT 2010 no que se presentarán técnicas e métodos de teledetección que melloren a xestión forestal e do territorio O congreso inaugurouse este martes na Facultade de Veterinaria nun acto presidido polo reitor da USC, Juan Casares, e no que tamén interviñeron o alcalde da cidade, José López Orozco; o conselleiro de Medio Rural, Samuel Juárez; o director xeral de Montes, Tomás Fernández-Couto; e o presidente da Deputación Provincial, José Ramón Gómez Besteiro. Formou parte tamén da mesa presidencial o profesor David Miranda, organizador do evento xunto con Juan Suárez. Máis de cen especialistas Á cita, organizada polo Laboratorio do Territorio da USC –integrado por docentes e persoal investigador de diversas áreas de coñecemento da USC- e o Forest Research, acoden máis de cen especialistas, entre os que se atopan científicos de recoñecido prestixio internacional, profesionais do sector forestal, persoal investigador dos principais centros de investigación nacionais e internacionais e estudantes universitarios de catro continentes. Trátase de dar a coñecer técnicas aplicadas ao uso de sensores remotos que melloren a xestión territorial en xeral e a forestal en particular tendo sempre en conta o uso múltiple do monte, desde o seu enfoque máis produtivista ata o seu papel máis social, sen perder de vista a súa importancia como fonte de biodiversidade e a súa función no secuestro de CO 2. O encontro, a desenvolver ata o día 10, será tamén unha oportunidade para que tanto os usuarios como os que desenvolven estas tecnoloxías acheguen as súas opinións acerca de futuras melloras. Neste sentido, contémplase o desenvolvemento dunha mesa redonda orientada ás empresas do sector e facilítase a presenza dos organismos máis relacionados a través de stands. De dereita a esquerda, David Miranda, Tomás Fernández-Couto, Samuel Juárez, Juan Casares, José López Orozco e José Ramón Gómez Besteiro

Os contidos desta páxina actualizáronse o 07.09.2010.