Ir o contido principal

O CACTUS acolle a presentación dun campus virtual no que participan 17 universidades europeas

O profesor do campus de Lugo Urbano Fra presentará este martes 10, ás 12:00 horas, o Campus Virtual para unha Europa Sostible (Virtual Campus for a Sustainable Europe-VCSE) nun acto aberto a toda a comunidade educativa e organizado polo Centro de Tecnoloxías para a Aprendizaxe (CeTA) e REDIX.
O Campus VCSE é unha plataforma de docencia virtual con alumnos, profesores e contidos compartidos por 17 universidades europeas sobre o tema do desenvolvemento sostible. De feito, naceu no ano 2001 coa realización dun curso compartido, o European Virtual Seminar on Sustainable Development (EVS), que se leva impartido de xeito ininterrompido dende entón.
Os alumnos utilizan distintas tecnoloxías de aprendizaxe como wiki, foros, chats e manexan materiais que están na rede, traballando en grupos de forma colaborativa con compañeiros de calquera das universidades da rede e utilizando o inglés como lingua común. Os profesores titorizan o traballo dos alumnos utilizando estas mesmas tecnoloxías onde colgan os materiais docentes e fan o seguimento do progreso e resultados dos alumnos e grupos. Deste xeito, a avaliación final ten en conta tanto o traballo individual como de interacción no grupo.
O obxectivo desta presentación, que se desenvolverá na Sala Polivalente do edificio CACTUS, é animar aos profesores a participar neste campus incorporando algún curso novo e facilitar a entrada dos alumnos nesta rede. De feito, no Campus de Santiago se está a preparar unha nova incorporación á VCSE, que será efectiva no primeiro semestre do 2009.
Actualmente neste campus se están a impartir cinco cursos sobre desenvolvemento sostible, responsabilidade corporativa e sustentabilidade, globalización, desenvolvemento rexional sostible e síntomas de cambio global.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 09.06.2008.